Na lista de graves problemas que todo lector entusiasta comprenderá (e na lista de cousas que posiblemente non che dean o premio a casa máis ordenada segundo a filosofía de Marie Kondo), está unha práctica que mestura a partes iguais os remorsos e a felicidade. É unha práctica que moitos de nós seguimos con entusiasmo (e desesperación, claro) durante anos sen saber que o noso mal tiña un nome concreto. A práctica é a do tsundoku, unha palabra xaponesa imposible de traducir pero que debemos incorporar para falar desta idea.
O tsundoku consiste en mercar libros pero logo non os ler. É o que fai que, a pesar de que tes na casa unha morea de libros por ler facendo un montón nalgún lugar (si, esa montaña que tomou a túa mesita de noite ou ese estante nos que os confinaches, coa seguridade de que non sairán de aí ata que os leas e que iso é o que vas facer), non podas evitar mercar un libro máis. Aquel tomo na mesa de novidades ou aquel que estaba no estante da librería dende 2013 pero que viches ese día por primeira vez acaban marchando contigo para a casa.
O tsundoku é xustamente iso: a palabra que captura ese momento no que mercas libros para deixar que se acumulen no monte de libros por ler (e sabendo que o volverás a facer).
A palabra fíxose coñecida grazas ao traballo dunha ilustradora, Anjana Iyer, que capturou palabras que non poden ser traducidas doutros idiomas e as verteu –ilustración mediante– ao inglés. De aí saltou aos blogs e medios en inglés e agora entrou a formar parte do vocabulario dos lectores (e vítimas) de todo o mundo.
Fotos | Pexels e Disquecool
Eu agora paseime a: vou deixar de ir a librarías e así non merco, pero vou á biblioteca e collo todos os que podo co carné meu e os dos que teño arredor…e así nunca remato o monte de libros que teño por ler!