Hai xa case oito anos que Marie Kondo revolucionou as casas de moita xente coa publicación do seu libro The Life Changing Magic of Tidying Up (A maxia da orde). O seguinte paso era lóxico: que Netflix lle dese un programa no que visita casas de xente, lles ensina a mantela en orde e, de paso, fai que os seus habitantes redescubran por que namoraron hai tantos anos. Porque ordenar é o que ten: de súpeto podes ver máis alá de toda a merda que tes na casa e lembras que vives con alguén ou que tiñas un soño que de súpeto vas cumprir.
Grazas ao programa de Netflix moita xente está a descubrir agora (de verdade?) o método konmari e en que consiste. Hai memes e artigos de opinión e moitos tuiteros indignados polo que a gurú xaponesa di dos libros: un máximo de 30 na casa. Pero de que vas, Marie Kondo, e por que ninguén se decatara disto antes?
Eu lin o libro cando saíu ou un pouco despois porque este tipo de autoaxuda de dobre fío —igual non che cambia a vida, pero polo menos terás a casa ordenada un par de días— é un dos meus praceres culpables. Por suposto, lino no Kindle por unha cuestión de reputación e porque por moito que ame os libros o seu non é necesariamente un que queira amosar na miña libraría (tampouco contabilizou en Goodreads, así de oculto o mantiven). Está mal escrito e é moi repetitivo, pero admito que o meu caixón de roupa interior está máis ou menos ordenado desde entón e que o seu método de dobrar a roupa é moi práctico para facer maletas de cabina.
Tamén saquei en claro algo que todos os que lemos o libro sospeitamos: Marie Kondo non é moi normal. No libro conta como desde pequena ordenaba non só as súas cousas, senón tamén as da súa familia. E como para ela ordenar significa tamén declutter ou desfacerse do que non nos inspira alegría, tivo algún problema tirando ao lixo posesións dos seus pais e irmáns sen o seu permiso. E despois está ese gran momento no que di que non é sempre tan perfecta, que ás veces tamén chega a casa cansada, se deita no chan e esperta á mañá seguinte. Iso non é o que facemos os normais, Marie Kondo!
É dicir, que igual tampouco hai que seguir os seus consellos punto por punto, e iso inclúe a parte dos libros. Admito que aínda non cheguei a ese episodio (vin só os dous primeiros e non falan para nada do tema), pero si lembro ler ese capítulo do seu libro e pensar «mm… isto non». E pasar ao seguinte.
Neses dous episodios que vin, non obstante, o método konmari non parecía tan esaxerado e extremo como nos gusta crer. O esaxerado e extremo eran as casas dos clientes: cheas de cousas sempre polo medio que si, provocaban certo estrés só con miralas (e máis que culpabilidade por non ter unha casa en orde provocaban o sentimento de «pois non estou tan mal»). Marie Kondo fíxolles tirar moitísimo e o resultado non eran espazos minimalistas sen nada, senón espazos máis normais coas cousas en orde e polos que se pode camiñar sen tropezar con algo e caer ao chan (pásalle á clienta do primeiro episodio e á propia Marie no segundo, pero ela non chega a caer porque é tan lixeira que parece levitar).
Son os libros merda da que hai que desfacerse? Dependerá da persoa. O de adelgazar as nosas bibliotecas é algo moitos pensamos só en mudanzas, pero a min polo menos estar rodeada de libros si que me inspira esa alegría que busca Marie Kondo. E son todos: os que amei, os que odiei (a alegría de ter rematado con eles, están na libraría a modo de trofeo persoal), os que aínda están a esperar que os lea. E aínda que de moitos non lembre ben de que ían, si lembro cando os lin ou merquei ou mos regalaron. Unha biblioteca persoal é como unha parede (ou varias) de lembranzas pasadas e futuras. E que hai máis persoal, fermoso e cálido ca iso?
Totalmente dacordo. Non puiden pasar dos primeiros cinco minutos do primeiro episodio :/
Certamente nin lin nin vin o programa. Non me vai moito a autoaxuda. Pero nin farta de viño tinto abandonaría ós meus libros. Incluso teño unha pequena librería na furgo na que viaxo coa miña parella. Morreriamos de infelicidade se tivesemos que tirar con eles.
A mín pasoume igualiño, recomendoumo unha amiga e lin o libro cando saiu, o certo é que o dos libros nin caso lle fixen, pero é moi práctico para moitas cousas que non das tirado porque pensas que vai haber un momento que che van facer falta…e nunca cho van facer!!