Lembro ter legos pola casa desde moi pequena, supoño que desde que os meus pais viron que era o suficientemente madura como para non comer as pezas. En tardes de outono e inverno nas que a chuvia facía pouco recomendable saír da casa, xogabamos a montar cousas co xogo danés. O incitador e un dos que desfrutaba máis das sesións era o meu pai. Co tempo, tivemos ata o Lego máis complexo, ese que incluía motores para facer xirar un muíño ou avanzar un coche.
Os Lego seguen en casa dos meus pais, un pouco esquecidos. Sen embargo, se facemos caso dun par de novas publicadas tanto na prensa británica como na americana, igual debería desempolvalos. Segundo parece, unha parte moi importante das vendas actuais de pezas de Lego é a millennials. Un pouco por nostalxia, si, pero detrás da nova tendencia hai unha razón extra: construír cousas cos ladrillos de Lego é antiestrés. Igual que hai uns anos os adultos empezamos a mercar libros para colorear, agora toca cambialos (ou combinables!) por Lego.
Se hai unha cousa que parece definirnos aos millennials, máis alá de ter matado todas as industrias, é que levamos mal o de ser adultos. Estamos estresados e queimados e cheos de ansiedade. Non sabemos desconectar e parece ser que é o único que queremos. Nós puxemos de moda anglicismos como o mindfulness e o self-care, meditamos e imos a ioga, pero nin así. O smartphone chúpanos o sangue e sempre está aí, esperando a que desbloqueemos a pantalla cada dous minutos.
E o Lego é un pequeno antídoto. Segundo explica Genevieve Capa Cruz, de marketing de audiencias en Lego, a The Washington Post, «os adultos con traballos nos que teñen moita presión están a dicirnos que usan Lego para desconectar da loucura do día». Ademais, o de seguir instrucións tamén gusta, di, porque axuda a desconectar e entrar nun estado de flow.
Outra vantaxe que os millennials estresados atopan nos Lego é que o resultado dá un pouco igual. Non é como cociñar (outra clásica actividade para estar no presente) ou pintar un cadro, que despois alguén comerá ou verá e xulgará (aínda que non digan nada). Aquí non hai presión: podes construír e desfacer, seguir instrucións ou xuntar pezas sen pensar moito no tema, como quen debuxa garabatos nun papel.
Por suposto, en Lego saben todo isto e xa levan un tempo lanzando novos kits pensando nun público adulto e só adulto (non pais que xogan cos fillos), ademais dos normais para os máis cativos. De feito, ante a competencia dos entretementos dixitais, son os adultos os que están axudando a manter a flote a industria dos xogos e xoguetes.
Así que xa sabes, se estás pensando en volver a xogar cos teus Lego, faino. En Galicia, ademais, temos a Galibricks, a asociación galega de aficionados ao Lego, por se queres ir máis alá e coñecer xente que comparta o teu novo vello hobby.
Foto | Alan Hardman en Unsplash