A (nova) solución definitiva contra o estrés: colorear

colorear

Xa falamos hai un tempo de que os libros de colorear estaban a ter un rexurdir dirixido a adultos hipsters (un libro para colorear a Bill Murray só pode ser para iso), pero a cousa parece agora que é algo máis profunda. Por que lanzarte a colorear como cando tiñas catro anos e non sabías que era o estrés -aínda que coñecías a ansiedade? Non só para ser o máis cool de todos os teus amigos, senón por unha razón bastante máis sa: colorear relaxa.

colorear

O best-seller de colorear en Francia

A tendencia foi detectada polo Telegraph (por suposto), pero non vén de Inglaterra: son as mulleres francesas -si, só as mulleres, dicía o artigo – as que se lanzaron a roubar os libros de colorear aos fillos ao decatarse de que para desestresar hai poucas cousas máis efectivas. A malvada industria decatouse rápidamente do que estaba a pasar e púxose mans á obra para que os nenos non quedasen sen os seus prezados libros: lanzalos dirixidos a adultos, deixando moi claro que é “terapia artística” e “antiestrés”.

Pero é tendencia de verdad ou só un intento da industria editorial de colocar estes libros ás francesas? Segundo parece, si que hai algo detrás: grupos en Facebook de coloreadoras (?) nos que comparten imaxes das súas obras de arte de color e falan sobre o tema, dando consellos e compartindo técnicas ou información sobre onde mercar as mellores ceras ou lapis de cores.

Testemuñas citadas polo jornal falan de xente que asegura que cando colorea as súas dores de cabeza desaparecen ou que simplemente son quen de relaxarse e esquecer un mundo exterior que vai cada vez máis rápido. O dato máis claro? Na actualidade, a venta de libros de colorear crece en Francia máis ca dos libros de cociña.

Todo parece raro nunca primera impresión, pero ten moito sentido en canto pensas un pouco no tema. É o mesmo que calcetar, que facer scrapbooking, que saír a correr. Actividades que requiren a túa concentración e durante as que non podes facer moito máis. Unha forma sinxela e case instantánea de centrarse nese presente no que cada vez pensamos menos, de fuxir do ruído, de deixar que o teu cerebro faga o que queira (pode pensar, pode cantar, pode quedar en branco).

O problema é o de sempre: atopar o tempo para entregarse á afición. Eu teño desde hai varios anos ‘The Indie Rock Coloring Book’ e non está demasiado avanzado. Sempre que empezaba aparecía a voz da conciencia preguntando como podía estar a perder así o tempo. Así que paraba de colorear e facía algo máis útil como, non sei, mirar Facebook ou perderme en YouTube. Agora intentareino de verdade. Se a estúpida voz aparece, direille que estou en terapia, que me deixe en paz.

Foto | Emi Yañez

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *