Feliz día de calcetar en público!

CalcetaOs labores laneiros como a calceta ou o ganchillo poden ser actividades solitarias -e a maioría das veces o son-, pero tamén unha festa colectiva na que compartir con máis knitters e coa cidadanía en xeral coñecementos ao redor das las e creacións coas que engalanar os espazos públicos. Así aconteceu por exemplo esta fin de semana no Día do Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, coa I mostra de Urban Knitting, que vestiu o mobiliario urbano con las de todas as cores. Entre o 9 e o 17 de xuño tes outra oportunidade para sacar á rúa as túas agullas no World Wide Knit in Public Day (WWKiP Day), o Día Mundial de Calcetar en Público.

A idea naceu en 2005 da man de Danielle Landes como unha forma para as calceteiras (e calceteiros, que tamén os hai!) de xuntarse e gozar da compaña doutras persoas coas que compartir a súa afección. Hoxe é o maior evento laneiro a nivel mundial, con presenza en países como Australia, China, Reino Unido, Finlandia, Francia, Noruega, Sudáfrica ou os Estados Unidos. Os encontros locais están organizados por grupos de voluntarios, e a boa noticia é que dúas cidades galegas, A Coruña e Santiago, figuran na lista de participantes.

Na Coruña a cita será o 16 de xuño no espazo Rowan Yarns de El Corte Inglés, a partir das 17.00 horas. O único necesario, segundo apuntan desde a web da organización, é levar labor e ganas de pasalo ben. En Santiago o evento desenvolverase o 13 de xuño entre a Casa da Troia e a Panadería A Troia. Convoca o grupo de calceta iPunto, que recomenda levar la, calceta, e algo para o pícnic.

A idea detrás do WWKiP Day é amosar ao público en xeral que a calceta pode ser unha actividade de grupo e promover as relacións entre as persoas que practican estes labores. Tamén mostrar que non só as avoas tecen, aínda que o que é ben seguro é que sen o seu legado hoxe non teriamos a riqueza de coñecementos ao redor da la e as agullas que atesouramos. Por non falar de infancias tristes sen bufandas e gorros cos que abrigar os invernos.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

  • chelo di:

    Hola decir que en Lugo tambien se va a salir a la calle a calcetar el dia 15 de junio de 11 a 14 y de 17 a 20 horas delante del Ayuntamiento en la Plaza Mayor , creo que es la primera vez que se hace y espero que asista mucha gente chao.

  • Fotografía de avatar Lucía di:

    Ola! Graciñas pola información! Non o tiña localizado porque non aparece na páxina oficial. Espero que sexa todo un éxito!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *