Vídeos para a fin de semana: Estilo GoPro

A semana pasada publicabamos un artigo sobre cámaras de fotos para o verán, e un lector comentábanos no twitter que nos esquecéramos da GoPro. O certo é que esta pequena cámara de vídeo, resistente á auga e con acoplamentos para engancharse a case calquera cousa que se mova, está a crear un balbordo tal que os vídeos feitos con ela pódense considerar un xénero propio. Ainda que xa sabedes que en Disquecool todo o que implica máis esforzo que o bádminton entra no paquete de “deporte extremo”, estou seguro que algún de vos é desa xente rara que fai deporte. Para que este caloroso (ou non) fin de semana saiades máis motivados, aquí tedes unha selección de vídeos de que vos poden axudar. Estilo GoPro 100%.

1. Experience Zero Gravity

Fíxate nos pelos dos teus brazos, porque cando acabes este vídeo teralos tesos. Se non produce en ti ganas de voar é que non tes sentimentos. Unha fascinante montaxe que encaixa ao microsegundo coa música e que consigue transmitir as sensación que experimentan este grupo de tolos do basejumping. Recomendo poñelo na barra de favoritos para cada vez que precisedes de un momento de desconexión.

2. Powder Mountain Perspective

Porque non só de GoPro vive o home. Estes dous irmáns foros dos primeiros en facerse cunha  Canon 5D MarkII xa hai tres anos e gravaron este vídeo que fai salivar a todo esquiador que o mire. Para os que quedaron con ganas de neve da boa (escasísima esta pasada tempada) aquí teñen unha boa dose de neve en po.

3. Mirage – The Full Experience

Neste caso son 30 GoPro montadas en liña as que crean un efecto “matrix” en cada onda. Unha selección de bos surfistas, as praias de Fiji, unha idea innovadora e un bo equipo técnico crean esta peza que, realmente, faite recapacitar e considerar que un día destes deberías probar o surf. Se tedes curiosidade por saber como se fixo, mirade isto.

4. The Whole Enchilada: Top to Bottom – Moab, Utah

A pesar de ser un pouco máis monótono que os anteriores, as paisaxes que perecorre este descenso de 2.200m de desnivel merecen unha tranquila observación (son máis de 10min de vídeo). Se sodes de baixar montes en bici, é fácil que acabedes en Ebay buscando cámaras para gravar os vosos propios descensos.

5. Awesome sporting moments of 2011

E para rematar un recompilatorio en si cunha seleccións dalgúns dos mellores momentos que o dúo GoPro/Redbull protagonizaron durante o 2011. Está cheo de pistas para pasar o resto da tarde buscando máis material en Youtube.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *