5 tendencias que triunfan no MWC, outra vez

Disquecool | MWC16

O Mobile World Congress é o principal escaparate do sector da tecnoloxía móbil, e celébrase cada ano en Barcelona. Como xa ben sabedes, dende os catro últimos anos nós acudimos fieis á cita para contarvos o último que se esta a presentar neste mundillo. E se ben é certo que a vós non é que vos interese moito (as poucas visitas destes artigos déixano claro), a nós encántanos.

O malo de ir ano tras ano a deixarse sorprender por fantásticas novidades é un comeza a ter certa sensación de déjà vu, a ver que certas novidades xa o eran o ano anterior, a pensar algúns eslogans xa o lera noutro lado ou que algunhas predicións de futuro non deixan de ser predicións de futuro nunca. Así que logo de un extensísimo traballo de campo, navegando entre merchandaising e azafatas vestidas de forma humillante (esta vergoña non parece cambiar nunca), traémosvos a nosa selección de novidades e tendencias que seguen a ser novidades e tendencias, un ano máis.

Disquecool | MWC16

1. Realidade virtual

Lembro unha revista de informática de meus pais na que, alá polos finais dos anos 80, falaba da realidade virtual e de como o ía a petar. Agora, case 30 anos máis tarde, estamos a voltas co mesmo. O Mobile está cheo de gafas, todo stand que se preste ten o seu xogo de gafas (o modelo de Samsung é o que máis triunfa), aínda que a empresa ou o produto non teñan nada que ver. Un montón de señores traxeados xesticulan como nenos pequenos e son fotografados por outros señores traxeados que fan colas longuísimas para porse unhas gafas (os seus xefes saberán que se pasan horas ahí?). O curioso é que o ano pasado tamén estaba cheo de gafas e sen embargo seguimos sen velas á venta no Carrefour ou no Corte Inglés, e mentres non cheguen aí, non deixarán de ser algo que está “a piques de chegar”.

Disquecool | MWC16

2. Robots e drones

Os robots e os drones molan, dan un pouco de medo tamén, pero molan. E están en todas partes e se están a facer moi famosos, pero que teñen que ver coa teléfonía mobil? Pois que segundo os slogans e profecías desta feira mañá mesmo a nosa vida estará acompañada por robots e drones conectados que a modo de smartphones con patas (ou hélices) irán facéndonos cousas marabillosas. Pero de momento, o que atopamos no Mobile son un montón de robots e maquetas facendo tarefas moi sinxelas de maneira bastante lenta e torpe. Dende un robot deses que te saúdan e fan preguntas obvias, a uns mini-drones que seguían de maneira hipnótica as aspas dun molino de vento.  Algún día dominarán o mundo, pero non parece que vaia ser mañá.

Disquecool | MWC16

3. Coches conectados

Hai dous anos xa había coches no Mobile, o ano pasado era “o ano” dos coches conectados e este ano, adiviñade, tamén hai coches conectados por todas partes! O probema vén coa diferencia entre o que ensinan nas bonitas animacións que ves en pantallas xigantes, nas que os coches falan entre eles, se avisan dos baches e os atascos e che abren a porta da casa, e a realidade que chega ao cliente, que vén a ser o mesmo que comprarte un router 4G de 60€ e enchufalo ao mechero do coche.

Non dubidamos que o coche conectado chegará, pero parece que a falta de standarización, os quebraideros legais que supón todo o que teña que ver con seguros e a falta de regulación administrativa vai facer que teñamos que esperar un pouco máis do que a moitos nesta feira lles gustaría.

Disquecool | MWC16

4. Wearables

Quen non ten un wearable? Hai dous anos eran unha promesa, o ano pasado xa estaban aquí e este ano se dan tan por feito que nin se fala deles case. O problema é que, por moito que a min e a moitos nos pareza unha boa idea, dá a sensación de que van rematar como as teles en 3D, pasando de moda antes de porse de moda. Non sei se é unha cuestión de prezo ou de falta de interese real por parte dos fabricantes, pero o certo é que, a pesares de que tanto smartwatches como outro wearables xa se poden atopar en todas as tendas, o único sitio no que me atopo a xente que os leva no pulso é nesta feira.

Disquecool | MWC16

5. 5G

Como? Que aínda acabas de enterarte de que é o 4G? Pero iso é tan do 2015! Agora toca o 5G! Bueno, agora e durante os próximos anos, por que aínda que todo mundo estea a falar do 5G este ano, o certo é que a día de hoxe non é nada máis ca unha declaración de intencións. En realidade, as principais compañías fabricantes de antenas (sóanvos Ericsson e Nokia de algo?) están agora na carreira por ver quen ten mellor tecnoloxía e quen pode impor máis parámetros no desenvolvemento do próximo estándar de telefonía.

A realidade, en palabras do CEO de British Telecom Gavin Patterson, é que esa tecnoloxía que promete velocidades de descarga vertixinosas, menor consumo de batería e mínima latencia, non vai chegar ás nosas vidas ata o ano 20. Así que desfrutade tranquilos do voso flamante teléfono con 4G.

Disquecool | MWC16

*Bonus: Mark Zuckerberg

Si, Mark Zuckerberg volveu ao Mobile. Non sei que foi do tímido Mark que apenas quería aparecer en ningún lado, pero parece que cando hai dous anos o convenceron para que viñese ao Mobile en realidade os organizadores non sabían que estaban a crear un monstro. Agora o queridísimo creador de Facebook volve por terceira vez ao Mobile para, esta vez si, dicir exactamente o mesmo que as outras veces. Que todo o mundo debería ter acceso a Internet gratis, bueno, ou polo menos acceso a Facebook gratis, porque Facebook mola e é moi bo e bla, bla, bla e que todos nos temos que pór de acordo para bla, bla, bla.

En serio Zucky, ti antes molabas, bueno, ou non.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *