Cando naceu Disquecool, en maio de 2011, o iPhone non levaba nin catro anos no mercado. Os nosos propios smartphones, aparatosos e con cámaras que sacaban fotos horrendas, serían agora o pesadelo de calquera membro da Xeración Z (e noso, para que negalo), pero nós eramos bastante felices con eles. Entre os que sempre fomos un pouco frikis, os early adopters que din os expertos, había unha sensación constante de abraio e marabilla.
Probabamos todas as apps e abríamos contas en cada rede social que prometía ser o novo Facebook ou o novo Twitter. Eu mesma cheguei a recomendar Google+, aínda que as razóns non eran tampouco superconvincentes. Esperabamos con ansia as keynotes de Apple e as conferencias para programadores de Google, cubriamos os redeseños de Facebook e Twitter… A sensación era a dese internet do (noso) principio que agora moitos lembramos con nostalxia: o do IRC ou os blogs en Livejournal, o do Fotolog. Creabamos comunidades, eramos novos e inocentes e idealistas.
Non teño moi claro cando nos empezamos a decatar do tempo que pasabamos no móbil, da dependencia que naceu con calma e pouco a pouco infiltrou as nosas vidas. Cando empezou a ser un reflexo mirar o teléfono nada máis espertar, en calquera espera, en momentos mortos e noutros momentos que en realidade matamos cada vez que tomamos a decisión (é unha decisión?) de mirar a pantalla no canto de facer calquera outra cousa ou non facer nada.
Hai unhas semanas falaba cun amigo do tema. El aguantou cun Nokia clásico ata hai un par de anos, cando os seus pais lle regalararon un iPhone. “Marchaches un minuto ao baño e xa saquei o móbil”, dicíame angustiado. “Perdemos tempo de mirar ao aire, de non facer nada. Perdemos ideas novas”. Contoume tamén que ten Twitter desde hai uns meses e que desde entón está de mal humor.
Cada día vemos a alguén que dá o paso e pecha contas en redes sociais. Moitos volven; outros, non. Xa non é noticia que moitos dos responsables do nacemento dos social media non estén neles ou lles prohíban o seu uso aos seus fillos. As charlas TED de Tristan Harris, ex de Google, sobre como todos os produtos tecnolóxicos buscan específicamente a nosa atención e adicción acumulan visitas. E iso sen entrar no tema da privacidade e a protección de datos. Lede ou escoitade a Marta Peirano e notaredes a suor fría.
Moita da xente que está dando un paso atrás, mirando o móbil con desconfianza ou directamente lanzándoo ao lixo é a mesma que hay vinte ou quince anos vivía con emoción cada avance tecnolóxico. Early adopters de libro aos que eu agora, seguindo con anglicismo, chamo early deserters. Eles, que saben moito e saben máis, están abandonando o barco antes de que se afunda. Nós, early adopters desencantados pero aínda adictos, probamos apps para pasar menos tempo no móbil (ah, o paradoxo) e vivimos nun ciclo no que desinstalamos todas as aplicacións das redes sociais para ir reinstalándoas pouco a pouco de novo e volver a empezar.
Xa en 2014 falabamos do JOMO, a felicidade de perderse as cousas, de non mirar o móbil ou o último meme porque estamos, que sei eu, vivindo. Era un propósito de ano novo. Seis anos despois estamos igual, seica peor. Pero o bo dos propósitos de ano novo é que cada xaneiro podemos prometelo e intentalo de novo.
Igual estes anos vinte que empezamos agora son felices e tolos porque deixamos o móbil na casa, porque o cambiamos por un teléfono deses que serven só para chamar, porque saímos ao mundo a contracorrente, cheos da adrenalina de ir desconectados. Ou igual só conseguimos non sacar o móbil do peto cando a persoa coa que comemos marcha un momento ao baño. En realidade, xa estaría bastante ben.
1 comentario