Se estás ao día no mundo das siglas (si, é todo un mundo) saberás de que falamos cando dicimos YOLO (You Only Live Once – só vives unha vez), ou a que se refería a xente ao falar do FOMO (Fear Of Missing Out – medo a perderse algo). Este último parece definir o que teñen feito os smartphones con nós, facer que necesitemos estar conectados todo o tempo, comprobando cada varios minutos se alguén enviou un Whatsapp ou que actualizacións novas hai no Facebook. E se deixamos o móbil na casa, oh pánico. Ese medo a quedar fóra acada niveis pouco sans. Ata que volves e chegas á conclusión de que en realidade non pasou moito.
Na reacción lóxica ao FOMO ese pánico é substituído por alegría. Falamos do JOMO (Joy Of Missing Out), da felicidade que pode dar a situación contraria, estar á marxe dese bombardeo de actualizacións, megustas e comentarios. De ser quen de desfrutar o aquí e o agora sen estar a pensar en todo o que está a pasar no mundo paralelo das redes sociais. Unha especie de carpe diem libre de filosofía barata. Non é un desfruta o momento sen pensar no futuro ou nas consecuencias, é un volver á realidade. O que os anglofalantes chaman mindful living, que poderíamos traducir por “vida consciente”.
En realidade levas oíndo falar disto xa un tempo, non? Está en múltiples charlas de TED, en blogs sobre como ser máis feliz, en todos eses movementos que buscan a desintoxicación tecnolóxica. Nun momento no que a xente está disposta a pagar pola garantía de que non van a ser quen de conectar a Internet (hai programas de desintoxicación dixital!), no que aparecen restaurantes nos que está prohibido falar (e en Google teñen as “comidas conscientes”, sempre en silencio), no que buscamos saír da vía rápida e abrazar a filosofía slow (desde na comida ata na televisión, pasando polas viaxes ou o deporte), está claro que hai algo nesta vida moderna que adoptamos que non vai de todo ben.
O JOMO é unha das tendencias sinaladas pola axencia JWT e que se relaciona con outras que veremos pegar forte estes anos: unha rebelión contra a tecnoloxía (cada vez aceptaremos menos a presencia dos smartphones na mesa), a busca de experiencias inmersivas (para desfrutar dese “agora”) ou a volta das imperfeccións coma algo do que estar orgulloso. Todo no medio da era da impaciencia e da fin do anonimato. Quedou atrás a era de gabar as marabillas da tecnoloxía por enriba de todo e intentamos volver a ese mundo real que ocorre fóra das pantallas.
E non é tan difícil. Só hai que facer o pequeno exercicio de deixar o smartphone de lado durante un tempo (si, posiblemente teñades que rompelo como me pasou a min). Tras uns días, notarás algo estraño. Non vives nervioso por todo iso que está a pasar sen que te decates. Vives máis tranquilo, cunha cousa menos na cabeza. E feliz por estar á marxe desa marea de actividade do universo virtual. O difícil, claro, é tomar a decisión voluntaria de deixar o móbil na casa, pero sempre podes optar pola decisión intermedia de xogar cos teus amigos a iso de que o primeiro que mire o smartphone paga a cea. Serás quen de resistir?
Foto | *saipal
1 comentario