Comendo na casa de descoñecidos: os Airbnb da comida

42

Hai uns anos parecía algo impensable (polo menos aquí). Compartir coche con alguén que non coñeces de nada para aforrar gastos, deixar que un estraño entre e durma na túa casa, esteas ou non, ou incluso durmir ti no fogar dalgún descoñecido cando estás de viaxe por outro país. Pensaríamos na inseguridade, en que a xente é mala, en todos os perigos e a pouca necesidade de compartir cando hai para todos. Agora é todo diferente. Na era de Internet e das tecnoloxías, na que a conexión permanente leva a un estado de desconexión espiritual algo deprimente, o contacto persoal volve a estar no máis alto da lista. E se é con descoñecidos que nos poidan abrir a mente a novos mundos, moito mellor. Xa tiñamos Couchsurfing ou Airbnb para durmir e todas as plataformas tipo Blablacar para compartir coche. Pero iso non é todo. Tamén podes comer na casa de alguén ou recibir a algún descoñecido para o que cociñas con EatWith ou Feastly.

Ambas plataformas (non son as únicas deste tipo, cada vez hai máis) funcionan de forma similar. Se o que queres é comer na casa dalguén (pagando, tampouco hai que pasarse), non tes máis que buscar na cidade que queres que opcións hai, escoller chef e reservar. O día indicado á hora indicada, vas a esa casa e tes a cea esperando por ti. Ademais de comer comida caseira nun entorno diferente (é como cear fóra, pero sen a impersonalidade dun restaurante), coñecerás xente: aos anfitrións e quizais a outros comensais que tamén reservaran para ese día. E esta parte social é unha das máis valoradas polos usuarios.

Para os cociñeiros a cousa é similar, pero ao revés. Crean un perfil nas plataformas explicando que tipo de comidas ofrecen e a que prezos, e cando teñen dispoñibilidade. Cando alguén reserve para cear (ou comer) na súa casa, poden falar con eles e ver o seu perfil para ver se encaixan. Se os aceptan, non teñen máis que prepararse para o gran día e desfrutar de invitar a xente ao seu fogar e facerlles de comer. Como saber, como comensal, que a comida vai a estar ben? En EatWith, por exemplo, para poder ofrecer comidas tes que pasar a “proba” dalgún traballador da plataforma, que visitará o teu fogar e probará o que queres ofrecer para ver se está á altura.

Captura de pantalla 2014-01-21 09.15.25

A pregunta de sempre, neste mundo de desconfianza no que vivimos, é se este tipo de plataformas son seguras. Hai sempre un pequeno elemento de risco, claro, ao fin e ao cabo estás a entrar na casa dun descoñecido (ou a recibir a estraños no teu fogar), pero as plataformas funcionan con certas garantías de que, se fas as cousas ben, a experiencia será agradable. Os perfís dos usuarios, a entrevista previa, a proba á que someten aos potenciais anfitrións, etc. funcionan como, por poñer un exemplo, o sistema de referencias en Couchsurfing. Ben usado, o risco é case cero.

Queres probalo? O máis sinxelo é probar con EatWith, que levan xa un ano en España. No mapa da web non aparece que haxa ninguén ofrecendo comidas en Galicia, pero si hai outros lugares nos que parece que a idea está a ter éxito (en Barcelona, por exemplo, hai moita xente). Estaría ben que por aquí a cousa empezase a emerxer, non? Queridos lectores que sempre quixestes ser chefs ou que amades facer de anfitrións nos vosos fogares, xa sabes o que tedes que facer.

Fotos | Eatwith

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *