Unha breve historia de Facebook (no seu 10 aniversario)

Si, así era Facebook en 2004

Si, así era Facebook en 2004. Fai click para ver máis grande

Semella que foi onte cando Facebook chegou ás nosas vidas. Posiblemente nin sequera lembres ese momento no que alguén che falou desa nova web na que podías compartir cousas e – isto é o que máis recordo dos primeiros tempos do Facebook -poñer un acuario no teu perfil que os teus amigos podían alimentar ou facer test (moitos e moitos test para saber a cor da túa aura e moitas outras trapalladas). E si, parece que foi onte, como moito antonte, pero en realidade Facebook xa ten unha década de vida. Hoxe é o seu aniversario. Xa ten dez anos.

E neses dez anos Facebook cambiou moitas cousas. Para empezar, cambiou o que a xente pensa ou se interesa nunha empresa tecnolóxica. Pode que sexa porque a historia de Facebook é un culebrón digno de Shonda Rhimes (a mente perversa que está detrás de ‘Scandal’ y ‘Anatomía de Grey’) . Pode que sexa porque ata a túa avoa usa a rede social. Pero todos sabemos algo de Facebook e todos consumimos as noticias sobre o seu fundador, o para uns neno prodixio e para outros xenio malvado Mark Zuckerberg. Vimos a foto da súa voda, seguimos a actualidade do seu canciño Beast (en Facebook claro) e criticamos os seus estilismos como se fose un famoso máis.

Parte do éxito na cultura popular da empresa e do seu fundador está en The Accidental Billionaires: Sex, Money, Betrayal and the Founding of Facebook, de Ben Mezrich (hai edición en castelán), o libro de Ben Mezrich con aires de novela e moito escándalo que logo se converteu en ‘A rede social’, unha película de éxito de Hollywood que levou á gran pantalla as miserias da fundación da rede social. Así todos descubrimos que Zuckerberg era un rapaz un pouco rariño que creou na habitación da súa residencia de estudantes na Universidade de Harvard un produto revolucionario. E no camiño pode que fora traizoando a unhas cantas persoas. As primeiras foron os irmáns Winklevoss, dous ‘pijos’ que querían facer unha rede social (ou algo así) pero que non tiñan nin idea de programar. Ficharon a Zuckerberg, o rariño listo, e logo viron como a súa rede social non ía a nada mentres todo o campus estaba entregado a The Facebook, un servizo que creara o rariño.

Do cuarto universitario a rede social perdeu o ‘the’ e saltou ao mundo (grazas primeiro aos cartos do segundo traizoado, Eduardo Saverin, o se cadra ex mellor amigo de Zuckerberg e logo grazas ás diferentes inxeccións de capital de empresas de capital risco) e comezou o gran bombazo. Pode que primeiro a xente pensase que aquelo non ía a moito máis que unhas cantas parvadas que os estudantes facían en internet, pero o certo que nese camiño cara a ‘dominación mundial’ non só creceu unha empresa (e as contas dos seus creadores) senón que ademais mutuo o xeito de comunicar.

Facebook non é só un lugar no que perder o tempo (e si, o dos test está un pouco pasado pero aínda seguen por aí) senón que tamén se converteu no medidor de éxito e fracaso de empresas, produtos e ata de persoas. As redes sociais tiveron en Facebook o seu grande cabalo de batalla e, aínda que non foi a única, si foi determinante para facelas populares. O concepto do que dicimos, compartimos e esiximos cambiou. Agora queremos que todo sexa máis aberto, máis transparente e máis 2.0: todo acaba na rede. E con iso, por suposto, apareceron novas preocupacións e problemas, como o límite do que os demais (empresas incluídas) poden saber de nós.

Fotos  andreasivarsson Facebook

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *