Van os smartphones encartables ser a nova obsesión techie?

Unha das grandes tendencias que os expertos agardaban do último Mobile World Congress (MWC), a feira de telefonía e telecomunicacións que acolle cada ano Barcelona e que se converte nun deses momentos que marcan a axenda tech, eran os que en inglés se coñecen xa como ‘foldable smartphones’ e que en galego optamos por traducir como smartphones encartables. O 5G (que merecería un artigo propio por todos os cambios que vai traer, pero que é menos atractivo visualmente que unha nova xeración de smartphones) era o tema máis importante posiblemente do encontro, pero os smartphones que se pregaban eran unha das cousas que máis chamaba a atención.

Un analista de Forrester (unha desas compañías de análise de mercados tan influentes no mundo dos negocios) apuntaba que o móbil vai seguir sendo nos próximos anos “o centro das nosas experiencias conectadas” e vai ir adquirindo cada vez máis peso nesas mesmas experiencias. “Por iso veremos unha maior énfase nas pantallas”, explicaba o analista, “especialmente nas pantallas encartables”. Polo momento, o analista non pensaba que esas novas pantallas móbiles fosen cambiar as cousas dun xeito revolucionario, pero si que ían facer que a “converxencia entre smartphones, tabletas e ordenadores” fose máis rápido. É dicir, estes novos móbiles axudarán a que fagas cada vez máis cousas desde o smartphone que agora fas desde a tableta ou desde o teu ordenador.

Samsung Galaxy Fold

Samsung Galaxy Fold

Pero que raio son exactamente os smartphones encartables? Non teñen máis ciencia que a que o seu nome indica. Estes terminais contan cunha pantalla que se pode encartar. Deste modo, pode ter un tamaño máis grande e ser máis cadrada cando a ocasión o requira e pode volver ao seu estado rectangular de pantalla de móbil tradicional cando non. Por suposto, como acontece con todas estas grandes novidades tecnolóxicas, o prezo de saída destes novos smartphones (de alta gama, claro) é moi elevado. O Galaxy Fold, que Samsung presentou no Mobile e que chegará ao mercado no segundo trimestre deste ano, custará, segundo especulaban os medios tras a presentación, uns 1.750 euros.

Samsung, aínda que nas súas notas de prensa aseguraba que estaba revolucionando o mundo da telefonía, non foi a única compañía que presentou un destes terminais. Huawei lanzou un Mate X, con deseño pregable e unha pantalla que, segundo explican na súa web, “se pode dobrar e estirar varias veces sen comprometer a súa durabilidade”. Xiaomi tamén ten o seu, ou polo menos xa deixou que circulara pola rede un vídeo do seu modelo. Incluso entre as non tan glamurosas compañías hai movemento no lanzamento destes modelos de smartphone. Motorola traballa, por exemplo, nun.

Huawei Mate X

Huawei Mate X

Para que quere alguén un móbil pregable? Na nota de prensa de presentación do Galaxy Fold, Samsung explicaba que o seu smartphone contaba cun “rendemento de alta gama deseñado para encartarse”. O terminal permitía “facer máis”, deixando mesmo ter tres aplicacións abertas ao mesmo tempo e ofrecendo continuidade nas apps (aparecen onde se deixaron e como se deixaron, por exemplo), e ofrecía, aseguraba, unha experiencia multimedia mellor.

O móbil está “deseñado para o entretemento”. Algunhas análises xa apuntan a que, posiblemente, o seu máis importante impacto estará en como se consumen vídeos e contidos de plataformas como Netflix e similares.

Iso si, non todo o mundo ve con tan bos ollos aos teléfonos pregables e non cre que os smartphones encartables vaian cambiar o mundo móbil tal e como o coñecemos. Hai quen pensa que son unha especie de movemento da industria por ofrecer algo novo, pero se cadra un tanto desesperado, como cando os fabricantes de televisores intentaron convencer aos consumidores de que precisaban unha televisión curva.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *