O car pooling consiste basicamente en agruparse para compartir un automóbil. Deste xeito, sae moito máis barato o traxecto, contamínase menos e a conversación adoita ser máis interesante que cando vas só.
Co obxectivo de facilitar isto, vai xa anos xurdiron en Internet distintas plataformas gratuítas para pór en contacto a persoas que fixesen o mesmo traxecto. Na maioría dos países europeos callaron rapidamente e é frecuente buscar en Internet compañeiros de viaxe antes de facer un desprazamento.
Aquí está agora comezando a se popularizar. Claro, sempre se fixo na familia, entre os compañeiros de traballo, pero en Internet? Non. Como explica Virginia Rubio, de Amovens, plataforma para compartir coche nacida en 2008, “agora estamos na fase en que a comunidade pioneira de usuarios vai crecendo, e comeza a influír no resto da poboación, polo que a práctica empeza a verse como algo máis normal”.
E é que ata hai moi pouco, dicir que buscabas en Internet compañeiros de coche facía que a túa nai comezase co consabido discurso sobre as nenas de Alcásser (de todas as maneiras, tendo en conta que moitos de nós buscamos compañeiros de piso a través de Internet, o do coche parece ata light). Mónica Rodríguez, unha usuaria de Viajarjuntos.com explica que “en principio o de pór un anuncio e ir cun descoñecido dábame un pouco de medo, pero quedei antes con eles para coñecelos e pouco a pouco valos coñecendo e pasando unha moi boa viaxe, falando das nosas cousas: traballo, familia, viaxes,… e a viaxe faise moito máis curta”, e Leopoldo Lago apunta que “os datos dos inscritos aparecen no sitio web, o que dá seguridade”.
Resolto o problema da seguridade atopamos outro máis complicado de solucionar: coincidir con alguén. Berta Riera, fundadora en 2004 da pioneira Viajamosjuntos.com (tras vivir en Alemaña e ver como triunfaba alí) explica que o máis fácil é atopar con quen facer un traxecto diario, especialmente en grandes cidades. En Amovens sinalan optimistas que cada vez é máis fácil atopar traxectos non tan evidentes. Quizais.
Esa non é a impresión entre os usuarios galegos. A maioría móstrase desanimado respecto a esta práctica, xa que en moitos casos pasan ata seis meses antes de que alguén che responda. Claramente, aínda non hai suficiente masa de usuarios para poder coincidir con alguén coas túas mesmas necesidades. Para traxectos diarios Vigo-Santiago, Ourense-Vigo, Coruña-Santiago si é posible dar con alguén. É o caso de Mónica, que leva cinco anos facendo o mesmo desprazamento por motivos de traballo, e xa hai tres que atopou con quen compartir os elevados gastos de gasolina que produce facer un traxecto longo cinco días á semana.
Fóra dese circuíto, conseguir compartir coche non é nada doado. Así o lamenta Markus Hoffmann, un alemán afincado en Galicia, que di que “Galicia é tan dispersa que loxisticamente é máis difícil que en Alemaña encontrar xente con traxectos similares”. El fixo moitas veces car pooling en Alemaña, pero ningunha dende que chegou aquí. Se lle preguntas por que cree que a práctica non acaba de popularizarse, el aventura catro razóns (e non mos ofendades!): que en España hai menos conciencia ecolóxica, que os españois parecemos ter máis medo a deixar entrar a un descoñecido no coche e tamén máis desconfianza respecto o xeito de conducir dos outros, e por último o tema da puntualidade.
Pero sen dúbida o principal handicap é o descoñecemento, porque todos os usuarios que o proban quedan moi satisfeitos. O aforro en combustible, a redución da contaminación, maior diversión na viaxe e o feito de que coñecer xente fóra do teu ámbito pode levarte a inesperadas e moi agradables conversacións. Leopoldo afirma que é un servizo útil a nivel persoal e necesario a nivel social. Eu estou plenamente de acordo.
Así que veña, todos a vos inscribir inmediatamente nas listas de Amovens, Viajamosjuntos, Avancar, o Conduzco. Propoño, para non ter que meterse en cada unha delas, que alguén faga un edreams do car pooling que compare todos os traxectos existentes nas distintas web e axude a dar con alguén (co coche con menor gasto?) que responda as túas necesidades.
E non vos esquezades: cando compartir coche con descoñecidos sexa xa algo totalmente convencional, vós contaredes aos vosos netos que fostes dos primeiros en valorar o potencial.
Foto | Richa Pathak