É o produto máis estraño que probaremos na sección de cosmética? Lush acaba de lanzar no mercado español as súas pastillas para lavar os dentes (recordade: non está en Galicia a menos que botedes man do comercio electrónico), unha moi exótica opción para deixar os dentes limpos e brillantes.
As pastillas para limpar os dentes teñen unha forma de uso peculiar. Hai que coller unha delas, mordela (pero cos dentes de diante, nada de mastigala coma se fose un caramelo) e despois hai que frotar co cepillo de dentes ben mollado. No primeiro cepillado xa se forma unha espuma consistente, como a que faría a pasta de dentes máis tradicional.
O mellor desta estraña pastilla dental é este modo de uso nada convencional. As pastillas veñen nunha caixiña, que permite extraer de forma bastante hixiénica cada unha das doses. A sensación, unha vez que as sacas e as metes na boca, é a de estar lavando os dentes cun caramelo. Se cadra, para o día a día, é mellor recorrer á pasta de toda a vida (seguro que a final de mes sae máis barato…) pero as toothy tabs son unha opción moi interesante para viaxes ou para acampadas.
O único malo é que, a pesar de que prometen un sorriso sexy e un alento polar, non conseguen igualar a sensación de ter comido medio monte de eucaliptos da pasta de dentes de toda a vida.
A España chegaron dentro da liña Dirty, cun prezo de 2,5 euros por caixa. Pero noutros países de Europa, Lush xa as vende de sabores variados.
Fotos | Facebook oficial (destacado) | Lush.es
Que cousas tedes que facer para seguir as tendencias! :S E non hai un vídeo? :D
Unha profesión complicada! Non hai… polo momento!
Nunca escoitara falar de pílulas como estas! Xesús! Como avanza o mundo!