No século XVIII, Suecia comproulle a un rico cervexeiro o seu palacete nunha illa das moitas que hoxe compoñen Estocolmo. O palacete foi reconvertido nunha casa de reclusión para mulleres. Co paso do tempo, a casa de reclusión converteuse nun dos cárceres da coroa (unha coroa moi preocupada por contar cun sistema penitenciario eficiente en términos xustiza: nada de medrugos de pan e xente amontoada, para algo o mesmo rei Óscar escribiu antes de subir ao trono e de incógnito un panfleto reclamando melloras nas condicións dos presos) e así continuou ata 1975, cando saíu o derradeiro preso do que durante anos fora o cárcere de Långholmen.
Agora, máis de 30 anos despois, a historia de Långholmen cóntase nun pequeno museo do que é un dos hoteis e albergues xuvenís máis sorprendentes nos que se pode aloxar o turista que visita a capital sueca. O albergue non só ten un prezo moi axustado en comparación cos carísimos hoteis e aloxamentos da moi carísima Estocolmo, senón que ademais presenta unhas condicións de aloxamento estupendas. As habitacións privadas – as que non son dormitorios compartidos – son bastante baratas e contan con baño propio.
A última renovación é do ano 2008 e é bastante historicista: as habitacións do albergue de xuventude repártense por un par de galerías do antigo cárcere. Cada cuarto é unha das celas dos antigos prisioneiros de Långholmen e, este se cadra é un dato que mellor non sabelo ata o momento final, as portas das habitacións son as orixinais que tiñan os presos.
Aínda que en principio dá un pouco de aquel o de durmir nunha prisión, os responsables de Långholmen fixeron de todo para quitarlle ferro ao asunto. A decoración recupera a temática preso, enchendo de barras grises sabas, cortinas e ata toallas.
En cada cuarto pódese ler tamén o regulamento interno que tiñan que respetar os presos e a liteira superior está agochada detrás dun panel decorado con recortes de xornais da época que contan casos dos habitantes orixinais do lugar. A menos que saibades sueco, non ides entender que era o que fixeron.
Ademais do albergue, Långholmen conta cun hotel de bastante calidade (moito máis caro que o albergue) pero que comparte co albergue o bufete do almorzo. Os nove euros, máis ou menos, que costa ao cambio compensa amplamente (almorzar un café e un anaco de calquer pastel en Estocolmo costaravos practicamente iso) porque é un dos almorzos máis amplos e variados que puiden probar xamais. Pan de cereais riquísimo, produtos de cultivo ecolóxico… Riquísimo.
*Podedes botar un ollo aos precios de Långholmen na páxina oficial do albergue – hotel (no que por certo, e esto si que é sorprendente, tamén se celebran vodas)
Fotos | Långholmen Hotel
cela
Efectivamente! Cambiado e graciñas polo aviso :)
Que xenial!
Sería unha opción xenial para Antigo Cárcere Provincial da Coruña, onde se celebra a mostra de cinema S8 http://www.s8cinema.com/portal/a-mostra/onde/sedeacoruna/
A mostra ten unha pinta estupenda! (moi cool :) )