Universo ‘hipster’: claves para non perderse

Pode que te identifiques con algunhas das características que estás a punto de ler, ou pode que non, pero se o fas o que é seguro é que nunca o recoñecerás, xa que unha dos requisitos para ser un hipster é negar que o es.

O termo naceu nos anos 40 para referirse aos afeccionados ao jazz. Os primeiros hipster eran mozos brancos adoptando formas de negros urbanos do seu tempo, pero nos anos 90 o concepto rexurdiu para describir a mozos e adolescentes de clase media e alta, urbanos e con intereses afastados das correntes predominantes da moda e a cultura, como o cine independente ou a música alternativa.

Aparentemente odiados, no fondo imitados por moitos dos que din rexeitalos, os hipster son parodiados na rede e incluso obxecto de estudo. ‘¿Que fue lo hipster? Una investigación sociológica’, coordinado por Mark Greif, fundador da revista neoyorkina de literatura, política e cultura ‘n+1’, acaba de ser publicado en España por Alpha Decay e analiza o auxe e a caída, as pulsións máis íntimas e tamén as miserias desta tribo urbana.

Son famosos en Youtube, e adolescentes con Tumblr converten a personaxes de Disney en hispter cunhas gafas de pasta e unhas cantas frases irónicas. Os anunciantes tamén souberon ver neste grupo, aparentemente á marxe do mercado pero no fondo consumistas, un interesante nicho de mercado. As parodias quédanse, claro está, no superficial, pero, é que hai algo máis? hai un fondo no hipster máis alá das gafas de pasta? Como en todo na vida, depende, non é o mesmo ser hipster por convicción que por mera pose (e nesta tribo, poses hai moitas).

Os vídeos e imaxes que atoparás amosan persoas con gafas grandes, que levan unha réflex ao pescozo pero fan fotos co iphone. Irónicas, odian a tipografía Arial e aman a Helvética. Adoran o retro: na súas casas sempre atoparás cousas de segunda man e máquinas de escribir. Para desprazarse, prefiren as bicis de piñón fixo, e para comer, cervexa local e comida orgánica. O seu microcosmos é o centro da cidade. Pero sobre todo, se algo define ao hispter é o seu odio polo mainstream e as súas afirmacións de que eles sempre foron os primeiros en escoitar/facer/vestir… o que agora está de moda neste grupo, e claro está, cando eles o descubriron era moito mellor.

Co obxectivo de que poidas recoñecer a un hispter cando o vexas pola rúa, ou recoñecerte a ti mesmo no espello no caso de que o sexas, aquí van unha selección de vídeos e imaxes deste universo de grandes lentes, graduadas ou non.

1. Being a Dickhead’s Cool, o grande éxito en Youtube de The Grand Spectacular.

2. How much Hipster can you pack in a Jazz?

3. Arcade Fire Hipster Attack

4. Harvard Sailing Team – Hipsters Playlist

5. Confessions of a Hipster

6. Hipster Disney. Todo comezou con Ariel, cuxa versión gafapasta incluso ten Facebook e Twitter, pero pronto estendeuse a outros personaxes Disney.

6. Si, incluso existe un Hipster Hitler.

7. E tamén, Hipster Scientist, unha conta de Twitter para os amantes da ciencia non mainstream.

E se quedaches con ganas de máis o único que debes facer é entregarte a Google e Youtube con devoción. Esta redactora asegúrache que botarás horas e horas perdidas no irónico universo hipster.

Shares

8 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *