Smartphones e futuro: 3 conceptos para non perderse

smartphone

Tes xa un smartphone ou es dos que se manteñen fieis á súa pataca de toda a vida mirando ao aire mentres os seus amigos falan por Whatsapp? (Damos por suposto que xa non queda entre ningún dos nosos lectores ningún rebelde real, deses que non teñen móbil). Sabes que sistema operativo ten o teu teléfono ou estás a miralo pensando “pero é un ordenador”?

Pertenzas ao grupo que pertenzas, esteas no extremo geek ou no extremo avoa, deberías saber que estes días se celebrou en Barcelona o Mobile World Congress, un deses eventos fantásticos para saber que se vai a levar en móbiles nos vindeiros meses. Si, unha especie de desfile de moda. Nervioso porque non prestaches atención e estás totalmente out? Non te preocupes, Disquecool sae ao rescate. Aquí tes un pequeno glosario, os tres conceptos que definirán aos smartphones nos vindeiros meses:

1. Phablets. Os teléfonos móbiles son como Alicia: houbo un tempo no que non facían máis que minguar, pero agora parece que son cada vez máis grandes. E así vai a seguir sendo. De que serve se non ter unha súper resolución (Retina Display, que diría Apple se se molestase a asistir a un evento mesturándose co resto) se a pantalla é pequeniña? Pero tamén existen os tablets, o que leva a certo estado de confusión a todo o que se atopa con estes novos dispositivos, moi grandes para ser un smartphone, pero moi pequenos para ser un tablet. Lembra a palabra: phablet. Todo hipster debería ter un na primeira metade deste ano.

2. SoLoMo. Non todo é hardware! Agora que os teléfonos son pequenos ordenadores, o software, as famosas apps, é cada vez máis importants. Que é o SoLoMo? É o estraño vocábulo co que se está a empezar a definir os must dunha aplicación, non xa para ter éxito, senón para ser simplemente considerada polos usuarios (e para facer cartos con ela): social, local, e móbil. Si, por iso agora todas as apps de éxito queren que fagas amigos e digas onde estás.

3. NFC. Disto imos oír falar moito moito moito. Son as siglas de Near Fields Communication, a tecnoloxía que, se todo sae como os que saben disto aseguran, rematará cos fabricantes de carteiras. Nun futuro non moi afastado, as tarxetas de crédito desaparecerán: pagaremos achegando o noso móbil a un dispositivo que teñan na tenda. Aínda que o potencial do NFC vai moito máis alá: en realidade é unha tecnoloxía de comunicación inalámbrica que permite o intercambio de datos en distancias curtas (a menos de 10 centímetros), así que deixa voar a túa imaxinación. Nós xa estamos soñando co post de Disquecool do ano 2020 que se faga eco do rexurdir entre os hipsters dunha forma de pagamento obsoleta: as tarxetas de crédito.

Foto | JD Hancock

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *