O deseño industrial está sempre con nós. Practicamente todo o que nos rodea foi deseñado, aínda que non sexa algo no que pensemos a miúdo. Pero de cando en vez hai obxectos que destacan, produtos cun deseño que fai que a nosas miradas e mans se deteñan sobre eles con curiosidade e asombro. Pezas de enxeñería que merecerían saír do seu lugar na vida cotiá para estar na vitrina dalgún museo. O Lumia 800 é un deses produtos.
Un teléfono esculpido nun bloque sólido de plástico que, cuns bordes redondeados e unha base recta consegue un acabado orgánico que fai delicias na palma da man. A pantalla, un omnipresente vidro de intenso negro que suavemente desborda polos cantos do terminal, invita a desprazar os dedos dun lado a outro. Os pigmentos están incluídos no material do corpo, de tal maneira que nin o desgaste nin un rabuño farán que as catro cores posibles (negro, cian, maxenta e branco) desaparezan nunca do noso suave smartphone.
É neste momento no que se fai inevitable mencionar ao auténtico dono de este corpo, o proscrito N9, un terminal practicamente idéntico ao Lumia (traía a maiores NFC e cámara frontal) que nunca chegará ao mercado español e que leva dentro o defunto MeeGo Harmattan, un sistema operativo deseñado para funcionar en perfecta harmonía coa curvatura da pantalla. Pero o do N9 e unha longa historia de final triste, así que volvamos co Lumia.
Xa detrás da pantalla atopamos todo o que se esperaría dun teléfono Nokia de gama alta, incluíndo clásicos como a radio. A cámara resolve bastante ben en boas condicións de luz e igual de mal que que todos os móbiles cando esta falta. A batería da unidade de proba que nos prestou a xente de Nokia para este artigo portábase moi ben, sempre e cando entendamos ben por chegar á noite con suficiente carga como para programar o despertador (atrás quedan eses anos gloriosos de cargar o móbil unha vez á semana). Conta cun altofalante que faría as delicias dun adolescente, dous botóns para o volume, un para desbloquear e outro para a cámara. Boto en falta a cámara frontal e máis NFC. Isto último sorprende máis, tendo en conta a campaña a favor desta tecnoloxía que Nokia leva a cabo nos seus terminais Symbian, e que só se xustifica, xustamente, na ausencia deste inxustamente criticado sistema operativo.
Porque se algo fixo famoso ao Lumia 800 é ser o primeiro fillo deste estraño, sorprendente e comentado matrimonio entre Nokia e Microsoft. Este finés ten Windows Phone 7.5, na súa versión Tango, e móvese con suma facilidade polas súas entrañas. E o certo é que así sucede: a apertura de programas, os cambios de ventá e as funcións xerais do teléfono fanse con moita suavidade facendo o uso do teléfono sinxelo e agradable. Windows Phone é un sistema operativo novo e con moito que aprender, pero sigue na liña dos seus competidores maiores (Android e iOS), primando a facilidade de uso e o interface visual. A principal achega de Nokia son a aplicación Mapas e Conducir, que saca partido a boísima cartografía de Nokia Maps.
O uso diario é cómodo. Nas dúas semanas que puiden utilizalo resolveu con facilidade a maior parte das tarefas que lle pido a un móbil. Ten un bo xestor de correos, boas aplicacións de Twitter, Facebook e Foursquare e o navegador é rápido e cómodo. O xestor de contactos é sinxelo e de uso intuitivo, e a calidade de audio e cobertura manteñen o listón alto, marca da casa.
Pero, por moi fanboy que tenda a ser do fabricante finlandés, hai cousas mellorables. A pantalla responde moi ben, ás veces demasiado, e é moi fácil que entenda como unha pulsación o que en realidade era un desprazamento. Igualmente o botón de busca (que non cheguei a usar en dúas semanas) queda moi preto dos menús desplegables da maior parte das aplicacións e se abre constantemente. Ferramentas como Mapas, que uso moito e que eran moi completas nos terminais con Symbian, chegan a Windows Phone demasiado capadas (aínda que parece que isto mellorará coa actualización anunciada o luns no Mobile World Congress de Barcelona). Por último, a ausencia real dun sistema multitasking paréceme algo que, francamente, se debería solucionar xa.
En resumo, o Lumia 800 é un moi bo teléfono cun moi bo deseño. É bonito, cómodo e sinxelo, e a pesar de utilizar un sistema operativo aínda por madurar, ofrece unha agradable experiencia de uso.
* Análise feita grazas ao terminal cedido por Nokia a Disquecool
Fotos | Andrés Fraga
Moi boa analise…. parece un telefono moi fluido…..
Gústame o análise pero prefiro un video no que alguén me vaia contando o que vai facendo e que me resuma un pouco o que xa lin no artigo. É só unha idea.