Nokia Lumia 920: Análise

Nokia Lumia 920: Análise

E volveron a facelo. Cando Nokia deu o salto a Windows Phone sabía que se metía nun traxe moi pequeno. Pasar de controlar todo o proceso a fabricar só os teléfonos, adaptándose a un sistema operativo que non podes axustar ao teu gusto, é todo un reto. Máis aínda cando ese sistema operativo estaba practicamente en cueiros, como lle acontecía ao primeiro Windows Phone. Pese a isto, Nokia sorprendeunos sacando teléfonos como o Lumia 800 e o 710, dos que xa vos falamos.

Agora a Nokia acabáronselle as escusas, xa non vale acusar aos Redmond. Por todos é sabido que o desenvolvemento do Windows Phone 8 estivo moi marcado (por sorte) pola xente de Nokia, que non quería verse obrigada a deixar de ofrecer nos seus teléfonos utilidades básicas de configuración ás que os usuarios de Symbian xa estaban ben afeitos. Así que á hora de presentar un teléfono coa nova versión do sistema operativo de Microsoft, tiñan que deixar ben claro quen mandaba nesta plataforma, e así o fixeron.

Nokia Lumia 920: AnáliseCando colles por primeira vez o 920 o primeiro que chama a atención é o peso, unha sensación que en vez de resultar negativa convértese inmediatamente en seguridade. A enorme pantalla de 4,5 polgadas que ocupa practicamente toda a fachada do teléfono, encaixa confortablemente na palma da man. Resulta cómodo acceder á pantalla e botóns táctiles da parte inferior, e é moi sinxelo bloquear e desbloquear o terminal.  Os bordes redondeados da pantalla que acompañan as liñas de todo o teléfono fan que a pesar do seu tamaño o terminal non se caia das nosas mans, e se o fixera, non nos produciría esa sensación de ternos que despedir de el para sempre. Nese senso é un Nokia de toda a vida. Duro coma unha pedra (ou como un 3210).

Outro punto importante da pantalla é a súa calidade de imaxe. Con 332 píxeles por polgada xa te podes pór todo o birollo que queiras que non vas ser quen de diferenciar un píxel de outro. Ademais a súa luminosidade a plena luz do día resulta sorprendente e a súa alta sensibilidade permítenos usala incluso con luvas.

Unha das novidades do 920 é a inclusión da carga inalámbrica dentro do estándar Qi, o que nos permite poñelo a cargar con simplemente apoialo sobre unha base de carga compatible con este sistema (que por sorte, é un estándar deses que usa todo o mundo). O que nun primeiro momento parece unha parvada que nunca se vai a usar, convértese nun dos elementos máis cómodos do teléfono. O soporte de carga inalámbrica que nos prestou a xente de Nokia xunto co teléfono para que realizásemos esta proba fixo que pór o móbil a cargar se convertese nunha acción automática, tanto no tempo que o tivemos na redacción como en casa. Conclusión; a xa de por si duradeira batería do 920 está sempre como nova cada vez que saímos de casa ou do traballo.

Nokia Lumia 920: Análise

Outro dos aspectos aos que Nokia nos tiñan ben acostumados é a calidade de imaxe das súas cámaras. O 920 conta cunha cámara de 8,7 megapíxeles que presume de apelido PureView, aínda que nada ten que ver coa tecnoloxía do 808 PureView. Neste caso optouse por incluír un estabilizador de imaxe na cámara, permitindo así que as fotos con pouca luz non nos saian movidas. Esta característica, pioneira no mundo dos móbiles, xunto coa luminosidade da súa óptica, converte ao Lumia 920 na mellor “camaramobil” do mercado á hora de enfrontarse a situacións de pouca luz.

Nokia Lumia 920: Análise

Pero non todas as novidades veñen da man do hardware. Windows Phone 8 estréase na gama Lumia cunha chea de novidades, tanto por parte de Microsoft como da propia Nokia.

O primeiro cambio significativo é que as iconas -ou “baldosas” como lles chaman eles- da pantalla de inicio veñen agora en tres tamaños diferentes. Pese ao que poida parecer a primeira vista esta característica é algo máis que unha simple cuestión estética, repercutindo nunha navegación moito máis rápida e cómoda. Ademais, o feito de que estas iconas estean “vivas” permítenos obter información sen tan sequera ter que entrar na aplicación.

O sistema inclúe outras novidades importantes, como a conexión entre as aplicación que utilizan a cámara e o sistema operativo, e a creación dun espazo específico para que os máis pequenos podan fedellar sen enviarlles mails aos nosos xefes ou publicar cousas raras en Twitter. A sincronización con SkyDrive fai realmente cómodo acceder ás nosas fotos dende o ordenador de casa, así como a documentos dende o noso teléfono.

Quizais as aplicacións sexan o verdadeiro punto débil de Windows Phone. A relativa novidade e a forte competencia de Android e iOS fan que non todas as túas aplicacións favoritas estean dispoñibles neste teléfono. Se es dos que pode vivir sen Instagram (sobre todo agora que xa non mola) Nokia está disposta a “supervitaminar” o teu Lumia cunha serie de aplicacións exclusivas que cubren case todas as deficiencias de Windows Phone.

Nokia Lumia 920: Análise

Das aplicacións propias de Nokia, que son moitas neste teléfono, cabe salientar, unha vez máis, os mapas. A eficacia e velocidade do GPS únese a un cátalogo de mapas de sorprendente precisión e unha aplicación que, agora si, soubo aproveitar todo o aprendido con Symbian. Nokia Música pode ser unha ferramenta moi boa para explorar novos grupos, máis aínda dende a presentación de Music+, a versión de pago do servizo de música de Nokia, seguindo o estilo Spotify. Outras aplicacións como Nokia Transporte ou os efectos da cámara para realizar ráfagas de fotos e escoller a que máis che guste farán que pases moito tempo entre aplicacións que comezan por N de Nokia. A nosa preferida, Cinemagraph, unha sinxela e divertida forma de crear gifs animados coa nosa cámara.

En resumo, o Lumia 920 é un smartphone fabuloso, cun bonito deseño e un sistema operativo cómodo e sinxelo, ao que se ben lle queda moito por facer, é completamente operativo para a gran maioría dos usuarios. Cunha pantalla grande, NFC, carga inalámbrica, boa batería, boa cámara e bonito deseño, ten todo o que un teléfono de alta gama precisa.

Pero como non todo podía ser perfecto, este Lumia ten unha pega que non lle vai axudar nada a ocupar os petos dos nosos lectores: o seu prezo. Cun custe libre de máis de 600€ só é posible mercalo en España en tendas online internacionais de telefonía ou cun contrato con Vodafone. Isto fará que moita xente acabe resignándose e quedando coas outra dúas moi boas opcións que Nokia ten en Windows Phone 8: o Lumia 820 e o 620.

Nokia Lumia 920: Análise

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *