2013: cando os GIFs volveron a ser cool

nanny

* Advertencia: post con GIFs sen sentido integrados polo medio. Estamos probando se xa temos os ollos o suficientemente educados. Cremos que non. Se es quen de ler o artigo sen te marear é que xa estás un paso evolutivo por diante!

Os GIFs deberían ter morto hai tempo para poder volver coa forza coa que se pasean polo Internet moderno na actualidade, pero os GIFs non seguen as normas polas que se rexen as modas. Esas pequenas animacións representan tanto a prehistoria da web como o seu futuro, serven para exemplificar o mellor de Internet e o peor. Poden ser arte e poden lembrarnos aos tempos de Arrakis e Geocities. Están nos Tumblr dos modernos e no escritorio de Jen Barber en ‘The IT Crowd’. E todo cunha inquietante presencia continua. Porque o certo é que os GIFs nunca morreron e nunca deixaron de inundar Internet. E, aínda así, atrevémosnos a dicir que 2013 será o ano dos GIFs. Como se fosen algo novo.

itcrowdthe-hourjoan

Pero si hai algo novo. Xa o ano pasado empezamos a ver o rexurdir artístico destas pequenas animacións con Cinemagram e nalgúns medios online empezaron a utilizarse como unha forma máis de ilustrar noticias. Ás veces, como vimos no caso dos Xogos Olímpicos, o mellor para explicar e ver algo ben non é nin un vídeo nin unha simple fotografía. É o movemento curto e repetitivo. Algo do que xa se decataron no século XIX coa imaxe do cabalo que hai un momento no que está no aire. Era un pre-GIF. E hai unhas semanas o equipo editorial dos dicionarios Oxford anunciaba que a palabra de 2012 fora precisamente esa. GIF. Non é demasiado darlle 2013 outra vez aos GIFs?

neil

Non o é. 2013 será o ano dos GIFs porque estes están a chegar con moita forza aos móbiles. E si, xa tiñamos apps para crear e compartir pequenas animacións, pero estabamos todos tan obsesionados con Instagram que non lles prestamos moita atención. As cousas prometen ser diferentes agora. As apps de vídeo aínda non lograron facerse con ese oco que todos lles reservaban como “o próximo Instagram” debido a que seguen a pesar moito (especialmente con filtro) como para ser o rápidas que queren os usuarios. Os GIFs están a medio camiño e veñen cos deberes feitos: teñen a Tumblr, aos modernos e aos gatos do seu lado. E xa se está empezando a falar, moito, das súas apps.

jarvis

Esquezamos Cinemagram, que é tan bonito que non parece un GIF. Hai só uns días espertábamos coa noticia de que Vine, a app que Twitter comprara en outubro, xa está na App Store. De seguido chegou o escándalo que marca o éxito de toda app, neste caso en forma de porno. Ti estás a pensar que Vine é en realidade unha app de vídeo, pero o espírito é claramente GIF: vídeos dun máximo de 6 segundos formados por varios clips. E ten filtros.

abed

Despois está GifStory, unha app da que todo o mundo está a falar. Búscaa na túa tenda de apps preferidas. Ah, que non a atopas? É normal: GifStory non será lanzada ata febreiro. Un hype dos de verdade, dos que empezan antes do produto! Non botabas isto en falta? É como cando Pitchfork ensalza a unha banda que aínda non ten nin unha maqueta gravada, felicidade hipster por todos os lados. Hai razóns para o hype, por suposto: GifStory é esencialmente un Instagram no que, no canto de tirar unha foto, tiras pequenos clips de vídeo que crean un GIF. Engades filtro. Compartes en redes sociais. E empezará só para iPhone. Despois dará o paso a Android, será mercada por Facebook e enfadará aos seus usuarios polos seus cambios nos termos de privacidade…

Deixa de pensar en estático. 2013 é o ano dinámico. Abre un Tumblr que faga pestanexar. Sustitúe a túa imaxe de perfil en Twitter por un GIF. E non pares de cantar feliz e en baixiño Tied to the 90s.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *