A invasión dos filtros fotográficos: que app escoller?

SnapseedSe estás un pouco ao día nestas cousas da tecnoloxía saberás que a comidilla desta semana, o tema do que máis se está a falar, son as apps de fotos con filtros. De súpeto parece que todo o mundo quere un anaco dese pastel e todos os xigantes tecnolóxicos están a lanzar as súas propias opcións mentres intentan afundir ao resto. Unha desas guerras que nos encantan a todos os que escribimos sobre tecnoloxía, vaia, pero que poden ter como resultado a confusión do usuario. Que Instagram xa non aparece en Twitter? Que agora hai filtros tamén aquí? Que é iso de Snapseed e que ten que ver Google? Maldita sexa, teño que volver a usar Flickr?

O máis sinxelo sería mandalos a todos a paseo (porque isto, amigos, é xa demasiado mainstream), pero está claro que non queremos renunciar a ese toque vintage nas nosas fotos. Así que o único que nos queda para ser especiais é entendelo todo ben e ser quen de explicarlle a calquera amigo que é o que está a pasar. E para iso estamos nós! Aquí vai a nosa pequena guía da guerra dos filtros fotográficos:

– Instagram (Facebook). Instagram foi a app que o empezou todo, a moda e a guerra. A estas alturas non imos a explicarvos en que consiste, pero si que fixeron para iniciar a batalla: fartarse de que a xente puidese ver as fotos directamente en Twitter e eliminar esa integración. Podes seguir compartindo as túas fotos de Instagram en Twitter, pero só aparecerá o enlace. Para ver a fotografía, os teus followers terán que pinchar e ir a Instagram.com. Porque iso é o que quere Instagram: visitas! E cando dicimos Instagram, queremos dicir Facebook: a rede social é a propietaria da app desde hai uns meses. Esta semana, ademais de eliminar esa integración, Instagram engadiu un novo filtro.

– Twitter. Á xente de Twitter non lles pillou por sorpresa a decisión de Instagram e o mesmo día que estes retiraron a súa integración, Twitter lanzou os seus propios filtros. “Non, xa non hai fotos de Instagram, pero oh! mirade! resulta que tiñamos uns filtriños nós por aquí! Xa non necesitades Instagram para nada!”. Que tal están os filtros de Twitter? Pois non están nada mal, pero son só oito (nós xa estamos afeitos a máis) e non ofrecen nada novo, polo que non está claro que a cousa vaia a facer que os usuarios se esquezan de Instagram. O mellor é probalos: só hai que actualizar a app (hai versión de Twitter con filtros para Android e para iOS) e ver se a comodidade de publicar directamente en Twitter e que os teus followers poidan ver no timeline a imaxe realmente vale a pena. Iso si, parécenos un pouco unha vergoña que un deles se chame “Felíz”. Si, así. Con til. O mellor é a vista “folla de contacto” na que podemos ver a foto con todos os filtros e comparar.

– Snapseed (Google). Como? Google tamén? Se es aficionado á fotografía e usuario de iOS é moi probable que coñeces Snapseed: unha app que é como a versión pro de Instagram, con moitas opcións de edición de fotos e, por suposto, con filtros! O único malo era que Snapseed era de pago e custaba case 5 eurazos. Pero dicimos era por unha razón: hai uns meses Google compraba Nik Software, os creadores de Snapseed e esta semana, que é a Semana Internacional das Apps de Filtros Fotográficos (non hai outra explicación), Google actualizaba a app. Snapseed chegaba a Android e, o máis importante, pasaba a ser gratis en ambas plataformas. Ideal para os amantes da fotografía que queren filtros pero odian Instagram.

– Flickr (Yahoo!). Posiblemente nos plans de Yahoo! non estivese pensado lanzar o seu Flickr 2.0 tamén esta semana, pero dadas as circunstancias non lles quedou outra. A app de Flickr tamén ten filtros! Foron creados por Aviary, os mesmos que crearon os de Twitter, pero parece que teñen mellor relación con Yahoo!, porque o resultado é bastante superior en Flickr. Máis filtros (quince!) e moitísimas máis opcións de edición: balance de brancos, contraste, recorte (isto tamén se pode en Twitter)… É dicir, van un pouco a polo seu usuario tipo, máis interesado na fotografía, e son a competencia directa a Snapseed. Aínda que os filtros de Flickr teñen algo que nos parece un pouco raro e confuso: os nomes dos filtros son nomes de animais! (aínda non vemos a relación).

– O resto. E despois está o resto, as mil apps que naceron como resposta a Instagram antes de que os xigantes decidiran esta semana facerlle fronte. Está EyeEm, da que xa falamos por aquí; StreamZoo, cunha calidade bastante boa; Hipstamatic, Pic You, Paper Camera (filtros de debuxo animado!), Little Camera… A lista é case infinita!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *