Top 10 do 2012: Tecnoloxía

Repasar o que deu de si o mundo das novas tecnoloxías podería dar para unha serie de artigos do top ten case tan longos como os que temos previsto para o peche do ano sobre todos os temas dun xeito xeral. Sen embargo, non somos TechCrunch, así que a parte non techie de Disquecool obrigounos ao resto a quedarnos cun único artigo. Este é o – bastante subxectivo aínda que consensuado nos puntos – recompilatorio dos dez momentos top do mundo das novas tecnoloxías.

10. Yahoo! Este é o tema que realmente é para auténticos expertos no mundo das novas tecnoloxías. Yahoo! ten unha nova conselleira delegada, Marissa Mayer. Mayer era unha das directivas top de Google e unha das súas primeiras enxeñeiras. Chegou a Yahoo! cando os ánimos dos seus empregados estaban polo chan. Acababan de perder ao seu último conselleiro delegado cando se descubriu que mentira no currículo (si, real como a vida mesma) e non facían máis que pechar servizos. Nada en Yahoo! semellaba innovador (se ata xa nin usan o seu propio buscador! Dende hai uns anos empregan Bing) e a xente estaba moi pouco contenta. Na prensa especializada case que se facían quinielas sobre cantas primaveras lles quedaban (o que é unha mágoa, porque realmente son xente simpática) Ata agora. Mayer chegou con espírito de cambiar cousas, deulles comida gratis e teléfonos cool de empresa e polo de pronto xa está redeseñando Flickr (que é a onde todos os que foxen espantados coas novas condicións de uso de Instagram se están refuxiando).

9. eBooks. Xa foron o número un do top das letras, pero merecen ser recuperados na sección de tecnoloxía tamén. Este ano foi o seu ano, grazas sobre todo ao tirón de Amazon e o seu Kindle (esta entrevista con Koro Castellano, responsable de Kindle en España, é bastante esclarecedora) e á entrada no xogo de grandes firmas. O libro electrónico é de inclusión, por tanto, obrigada.

8. Apple pega a Samsung. Samsung pega a Apple. Realmente dá unha preguiza incrible ter que escribir sobre este tema, porque hai xa unha chea que perdín a conta de cantos xuízos levaba gañados cada quen. Todo é por un quítame alá unhas patentes e un o teu teléfono é tan cuspidiño ao meu que parecen irmáns. É posible que non exista país no mundo enteiro no que Apple e Samsung non estean a leas nos xulgados. Samsung gañou algún xuízo (como aquel que determinou que non eran o suficientemente cools como para ser unha copia dos produtos de Apple!!! WTF) pero Apple fíxose co máis importante, o que as enfrontaba en Estados Unidos. O mellor: a xuíza californiana Lucy Koh e as súas brillantes intervencións no proceso (chegoulle a preguntar ao avogado de Apple se fumaba crack cando intentou introducir 20 novas testemuñas a última hora)

7. Imos? Que unha app galega teña tanta repercusión como Imos? non é o habitual. A aplicación é como unha sorte de Foursquare para furanchos e tabernas, algo que claramente nos mola. A app é de pago, o que dá aínda máis mérito a que conseguise posicionarse nos primeiros postos na Play Store (a tenda de aplicacións para Android) e en iTunes (a de iOS).

Imos?

6. Tim Cook fixo que Apple deixase de ser guai. Este apartado non o ía escribir eu. Ía facelo a redactora que realmente é Apple-fan (pode negalo nos comentarios, pero a vida é así) e que se pode sentir realmente decepcionada co herdeiro de Steve Jobs. Como un fillo primoxénito que afunde o que o pai conseguiu en Ultramar, Cook non está á altura de Jobs. Vale que Jobs era un tío chungo, brillante pero chungo, e que Cook xa empeza a facer cousas de ser humano (como darlle máis espazo aos empregados), pero Tim Cook está cometendo erros que Jobs non faría xamais. O dos mapas para iOS 6 (decidiron que pasaban de Google Maps e puxeron os seus propios, mal feitos e definidos por algún xornalista tecnolóxico como ‘cadros de Dalí) foi un fracaso de dimensións monumentais. Que os fans e os xornalistas saiban de antemán todo o que se vai presentar nas keynotes tamén o é. Apple xa non sorprende… O primeiro paso para deixar de ser guai.

5. Kickstarter. Unha ferramenta de microdoacións que permite levantar proxectos de toda clase. É tan popular que ten clons en todas partes e sobre todo consegue que unha chea de ideas atopen financiación. O financiado en Kickstarter foi máis que habitual sobre os proxectos tecnolóxicos do ano.

4. A guerra das fotos. Que é o que está pasando? Aínda que o mundo da tecnoloxía é como o punto álxido da modernidade, nalgunhas cousas son como reinos medievais loitando entre eles eternamente. As empresas son como candidatos en Xogo de Tronos e están pelexando todo o tempo, todo o completo tempo, por tantas cousas que parecen parvadas pero que poden afundir a cotización dunha compañía en cero coma. Instagram, a app antes coñecida como a-aplicación-de-fotos-máis-cool-do-lugar, foi vendida a Facebook por 1.000 millóns de dólares (logo quedouse en algo menos pola caída do prezo das accións de Facebook) e pasou a ser a-aplicación-que-xa-non-mola-nada. Como Facebook é o seu dono e Facebook quere pasta, están a facer cambios como lanzar perfís en web ou limitar o acceso que outras redes sociais, como Twitter, teñen aos contidos. E que pasou? Que todo o mundo se puxo a ofrecer alternativas. Hai tantas opcións para poñerlle filtros retro ás túas fotos que xa se pode falar de invasión.

3. Tabletas. Posiblemente a primeira vez que vos falaron de tabletas pensastes ‘ o que?’. Unha cousa como unha táboa, táctil, que a levas no bolso, que non ten teclado e que tampouco pode sustituír ao teu ereader porque cansa a vista dun xeito que o lector electrónico non fai. Non é preciso que o ocultes, todos o pensamos. Sen embargo, o iPad primeiro (por que Apple consegue que calquera cousa nos entusiasme?) e as Android despois foron facendo ver que non eran un aparato inservible. 2012 foi sobre todo o ano da guerra dos prezos. Cada mes había unha tableta máis barata. E máis molona. 

2. Kindle Fire. Como hai fangirls, tamén hai Amazon girls. Ou debería, porque entón eu son definitivamente unha delas. Amazon non só cambiou o mundo do libro como o coñecemos (realmente seríamos usuarios tan intensos do libro electrónico se non fose porque Jeff Bezos, o señor de Amazon, comezou un día a vendelos e sobre todo lanzou onde lelos a baixo prezo?) senón que ademais conseguiu que os produtos que lanza teñan o equilibrio entre o prezo baixo e a calidade máis óptima. Vale que os dispositivos en si vanlles a perda e que o que lles vai dar cartos son os contidos a longo prazo, pero iso non quita que o que xa nos dan agora sexa realmente guai. O Kindle Fire (HD ou non) é a súa tableta, máis barata que un iPad, pero máis pequena. Non é como o iPad (o grande e último modelo) pero si moito mellor que moitas das Android que podemos ver. O Kindle Fire é un Android tuneado, en realidade, cunha batería bastante xeitosa (Culturgal pode dar fe) e que cando Amazon lance en Europa todo o contido asociado que ten en Estados Unidos vai a ser aínda máis espectacular. O noso (o de Kindle e máis eu) é realmente amor, pero pensade que a súa relación calidade – prezo é realmente incrible. 

1. Pinterest. A verdade é que doe ter que dar o posto un a Pinterest, pero é de xustiza que así sexa. Lembro a primeira vez que escribín sobre Pinterest. Sentinme super coolhunter e pensei que estaba ante unha cousa super distinta (Ana está detrás do primeiro contacto en Disquecool con Pinterest, alá por xaneiro) Entón desatouse a febre, o tráfico de Pinterest deu un chimpo estratosférico e Pinterest comezou a estar en todas partes. E a rede social cuqui e preciosista converteuse de súpeto no que marca a tendencia en toda a rede. Hai unha pinterestización de todo internet  que é realmente odiosa (o formato Pinterest non vale para todo! non!! Podedes odiar comigo o novo Mashable) e non semella que os seus efectos (aínda que o boom de Pinterest caeu lixeiramente) vaian a desaparecer.

 Foto |  langfordw

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *