Imos? Unha app para atopar praias, furanchos e tabernas

Imos?

Como bos usuarios ávidos de Foursquare e outras apps do estilo que sodes, seguro que algunha vez botastes algo en falta: onde están os furanchos? Parece que ninguén lle falou deles a Dennis Crowley (o xefe de Foursquare) e non existe esa categoría. Pero non vos preguntedes, porque xa hai unha app para encher ese baleiro: trátase de Imos?, a nova creación da xente de GalApps.

“Despois de facer as aplicacións da lingua, queriamos afrontar algún proxecto de maior envergadura”, explícannos por correo electrónico. “Sempre nos gustaron os sitios tradicionais galegos, a comida caseira, e pensamos: por que non unha guía?”. Dito e feito: a guía social Imos? está na App Store desde o mes de agosto e na Play Store de Google desde a semana pasada. E non, non tes que substituír a Foursquare. Desde GalApps contan que habería que usar as dúas. “Se quere saber onde hai unha boa coctelería, por exemplo, é moi improbable que a atope en Imos?. Pero se quere saber onde comer un bo cocido, ou onde beber un bo albariño caseiro, ou onde está a praia máis próxima, non o vai atopar en Foursquare”.

Porque esas son as tres categorías que inclúe Imos?: furanchos, tabernas e praias, ademais dos puntos de información turística. Como todo nesta época, ten tamén un compoñente social que axuda ademais a completar a guía: a xente pode engadir lugares, fotos, comentarios e estreliñas de valoración. Para saber se nun sitio dan boas tapas, se o seu viño da casa paga a pena ou se os prezos son realmente amigables.

Desde GalApps, formado polos enxeñeiros informáticos Juan Porta e Xurxo Méndez e a licenciada en Belas Artes Sabela Barreiro, contan que de momento están máis que contentos coa acollida que está a ter Imos? “A versión de iPhone, que lanzamos o 1 de agosto, leva afincada no Top 10 da categoría “Comidas e bebidas” desde a súa publicación, e chegou a ocupar o posto número 6 no ranking global de todas as aplicacións a nivel español”. E a versión para Android, publicada hai menos dunha semana, “xa está de número 1 en vendas  na súa categoría -dentro das aplicacións recentes-, e no Top 10 global”.

Primeiro foron as apps da lingua (ConxuGalego, DicionarioGalego e TradutorGalego), agora esta guía turística social… que será o próximo? Desde GalApps non queren dar pistas. “Temos varios proxectos en carteira que agardamos ter oportunidade de materializar. O certo é que a estas alturas non podemos adiantar nada, pero confiamos en que máis pronto que tarde poidan saír á luz”. Mentres tanto, temos moitos furanchos, tabernas e praias nos que pasar o tempo.

* Descarga Imos? na App Store e na Play Store.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará