A finais de maio, cando había máis ganas de verán que mercurio no termómetro, publicaramos un artigo sobre cámaras para o verán. Se ben é certo que cando falábamos de cámaras resistentes á auga e aos golpes estabamos pensando en praias, mergullos en ríos e paseos en bici, non é ese o único momento no que nos pode vir ben un extra de protección na nosa cámara. Escribo isto mentres noto os calcetíns mollados logo de dar un paseo baixo a chuvia para probar a Lumix FT4, porque en Galicia, en outono, chove.
Así que se es dos que ademais de mergullos en verán, tamén goza de paseos baixo a chuvia ou de ir apañar setas, temos unha cámara para ti. A Lumix FT4 é a cuarta xeración desta acertada aposta de Panasonic por facer unha boa cámara resistente. E este parece ser un dos puntos máis coidados nesta compacta, podéndoa somerxer ata 12 metros de profundidade e con resistencia a caídas de ata dous metros. Por cuestións climáticas non me animei a meterme na praia a probar resistencia á profundidade, pero si que botou un un rato á choiva e entre a terra, sen precisar máis que un chorro de auga e unha toalla para quedar como nova. O tema dos golpes tampouco o probamos, pero o anterior dono da unidade de mostra que nos deixou a xente de Panasonic para esta análise creo que foi mais valente que nós, pois contaba cun golpe que demostra que algún viaxe xa levou. A pesar disto, o seu funcionamento foi impecable.
Pero debaixo desa carcasa e esa aparencia, entre dura e elegante, atópase unha cámara. Cunha resolución de 12 megapíxeles, máis que suficientes ao noso parecer (non somos fans dos millóns de píxeles en exceso), conta cun obxectivo Leica cunha focal equivalente en paso universal de 28-128mm. A escasa luminosidade( f/3.3 a f/5,9) do obxectivo é quizais un dos seus puntos máis febles, xa que nos obrigará a subir diso en canto comece a escapar o sol, e por moito que as imaxes resultantes das nosas probas ofrezan unha calidade bastante aceptable, a sensibilidades altas moi poucas son as compactas que se salvan.
O manexo da cámara é cómodo, ao pouco de estar con ela xa sabes onde se atopan os parámetros que máis usas. O do GPS, se ben é unha das cousas que máis me atraía desta cámara, resultou non ser tan útil para usos esporádicos, pois tarda bastante en localizarse. Por outra parte, para saídas dun día ou viaxes é unha opción que funciona ben e nos parece moi interesante.
E definitiva, esta compacta é a peza ideal para os que, coma eu, gusten de saír a gozar da natureza sen a preocupación de se a cámara se molla, cae ao chan ou se mancha de lama. Cunha unha resolución e calidade adecuada á súa gama, será quen de inmortalizar as nosas seguintes saídas a por cogomelos ou os nosos descensos en bici. Iso si, xa non tes a escusa de non saír porque está a chover.
* Análise feita grazas a cámara cedida por Panasonic a Disquecool
Fotos | Andrés Fraga