Desde Londres: a manifestación anti-Brexit en imaxes

Unha das miñas primeiras lembranzas de infancia é berrar «Otan non, bases fóra!» subido á farola do centro da praza da Constitución de Vigo. Logo viñeron as folgas xerais, as probas nucleares, non á guerra, Nunca Máis. De por medio organicei mobilizacións no meu instituto e na miña facultade para finalmente rematar facendo un traballo de varios anos con Xepo WS sobre as manifestacións do movemento antiglobalización. Así que con estes antecedentes, se te pilla un sábado pola mañá medio libre en Londres, remataches o curro e estás farto de cargar co trípode, fai sol e casualmente hai convocada unha manifestación dun millón de persoas a 30 minuntos andando de onde estás, como no ir?

Certo é que a esta alturas do Brexit ás veces un pensa, «mira, que se jodan, se tanto queren marchar que marchen». Pero se falas coa xente da túa idade, moitos xa con nenos, ves como conviven entre a incredulidade e a angustia aceptada de que os seus fillos van vivir nun país peor do que eles viviron. Así que cando este sábado pola mañá paseaba polos arredores de Hyde Parck fotografando pancartas, esas pancartas pequenas recheas de humor inglés, fixeime especialmente nos pais que ían cos seus fillos á mani. Será porque desde que son pai son moito máis sensible e emociónome ata cos auncios de Ikea, pero imaxinábame se eu fose un deses pais e fose coas miñas fillas a esa mani, a mestura de sensacións que tería. Por unha parte, a alegría de compartir cun millón de persoas a vontade clara de rematar co absurdo do Brexit, e facelo nunha entorna festiva e de celebración. Pero por outro, a sensación de estar a piques de ser cómplice, de maneira voluntaria ou involuntaria, da que probablemente sexa a peor decisión política que lles toque vivir.
Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *