Por que o próximo día das Letras Galegas debería ser para as poetisas burguesas do XIX

Un par de anos atrás fun a unha desas visitas guiadas polas cidades que os concellos e os organismos culturais organizan en datas sinaladas. A visita foi brutalmente popular e parecíamos unha manifestación seguindo ao guía. Sen embargo, cando todo rematou –e ben o saben as pobres persoas coas que quedara para tomar algo– eu o que saquei en limpo foi indignación. O percorrido seguía a Rosalía de Castro, a pesar de que a escritora nunca estivera realmente na cidade en cuestión (pero si tiña outras conexións). Tiña moito para ser moi interesante e, dado a cantidade de xente que acudimos, moito para ser un éxito divulgativo. O que fixo que eu saíse feita unha furia foron os matices.

Para empezar, o guía presentounos a Rosalía de Castro como “a única”. Castro é unha muller innovadora, unha escritora moi importante e unha personaxe revolucionaria na historia da literatura galega (e se cadra poderíamos deixalo en na historia galega e punto). Non é cuestión de discutir iso. A cuestión é que Rosalía de Castro non era a única muller facendo cousas –e especialmente escribindo cousas– no século XIX nin en Galicia nin en Europa nin no mundo occidental e esa realidade non a fai menos importante.

O guía non dixo mentiras, pero tampouco exactamente verdades. “Rosalía rachou con todo porque escribía baixo o seu nome. Pensade en George Sand ou en Fernán Caballero”, explicou (pero e Carolina Coronado? Ou Gertrudis Gómez de Avellaneda?, por seguir coas escritoras románticas), insistindo en que escribir era algo que non estaba ben visto se o facía unha muller, o que é verdade, pero tampouco o é… E máis ben algo complicado. Escribir poesías sobre temas femininos era algo que se vía ben como ocupación para as señoritas do século XIX.  De aí que existan todas esas señoritas burguesas que escribían poemas e que os publicaban en prensa.

Daquela aínda non lera Cómo acabar con la escritura de las mujeres, de Joanna Russ, a tradución dun clásico de análise literario feminista dos 80 que publicou en 2019 Dos Bigotes e Ediciones Barrett. Despois da súa lectura pensei moitas veces naquela visita e no que Russ defende, pero tamén noutra historia que levo pensado en escribir case desde que empezamos con Disquecool, a de por que as señoritas poetisas do XIX merecen o día das Letras Galegas. Chegou o momento.

A principios do verán busquei online para saber a quen lle ían dedicar o día das Letras Galegas de 2021. Habitualmente, os homenaxeados son anunciados sobre o mes de xuño, tras ser votados nun pleno da Academia, pero este ano non había novas por ningunha parte. Non escolleran aínda á persoa do ano seguinte? Escribinlles entón a prensa da Academia que me confirmaron que, en efecto, non había aínda nada oficial.

“A figura homenaxeada no vindeiro 17 de maio elíxese cada ano no primeiro pleno ordinario da Real Academia Galega tras o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas (o acto público co que a RAG celebra a data), que nesta ocasión se pospuxo ata o 31 de outubro por mor da pandemia do coronavirus”, explicáronme entón por correo electrónico. A crise da covid-19 non só eclipsara por tanto o ano de Carvalho Calero, senón que tamén fixera retroceder o calendario de previsións.

Como xa estaba escribindo á Academia, aproveitei para preguntar como se fan as propostas e a elección da persoa de cada ano. Segundo me explicaron entón, vota o pleno da RAG, escollendo entre aquelas candidaturas que “sexan presentadas cando menos coa sinatura de tres dos seus membros, os académicos e académicas de número”. Cada ano, diferentes colectivos e entidades remiten “unha morea de propostas” á Academia con nomes de posibles persoas protagonistas. “Obviamente son escoitadas pero estas propostas non son vinculantes”, sinalábanme entón por email.

Varias campañas foron nos últimos anos reclamando máis mulleres entre a lista de persoas homenaxeadas e dando nomes concretos. Filomena Dato é recorrente entre as propostas históricas que encaixan coa liña do tempo das señoritas burguesas que escribían poesía (entre as escritoras máis recentes hai tamén varios nomes interesantes, por suposto). María Victoria Moreno foi a escritora homenaxeada no 2018 e con iso levou o número de mulleres premiadas a 4 en case 60 edicións. Pero que aínda que o día das Letras Galegas ten un déficit asombroso de mulleres (en serio, que somos a metade da poboación!) as poetas de finais do XIX non merecen o día só por cumprir cunha sorte de idea de cota ou por xustiza histórica. Estas señoritas poetisas –e si, estou usando poetisa con intención, para subverter neste contexto histórico o uso con desdén do termo (tamén podemos facer o mesmo con literata e a súa historia, para o presente quedade con poeta)– merecen o día por máis razóns. Velaquí a miña defensa.

As señoritas burguesas que escribían poemas sentimentais sobre temas “femininos” na prensa do momento traballaban en todos os idiomas. Na prensa galega, publicaban en castelán e publicaban tamén en galego. Non todos os poemas eran tan feministas e reivindicativos como a Defensa das mulleres de Filomena Dato, certo. Moitos eran sobre temas banais, ou pequenos poemas intimistas e sobre o próximo, ou mesmo poemas con certo toque relixioso que hoxe resultan de difícil lectura.

Pero por que lle damos tanta importancia a iso cando analizamos que elas estaban aí e existían? Máis alá do que para min é o debate Jennifer Weiner (Weiner, autora de best-sellers, acusou á crítica literaria de facer unha separación temática cando asina un home –que aborda o mundo e a sociedade– e cando o fai unha muller –que o fai sobre o doméstico e pouco importante–), a cuestión é que cando analizamos os textos literarios e a presenza de escritores e escritoras na historia da literatura a eles deixámoslles ser mediocres e non cuestionamos que estaban aí. Elas teñen que ser escritoras de obras mestras ou revolucionarias para que as deixemos entrar na historia que narramos de forma xeral.

Darlle o día das Letras Galegas a este grupo de autoras serviría para lembrar que estaban aí, que escribían e que ocupaban espazos públicos coas súas obras, espazos nos que competían cos homes. E, sobre todo, lembrar a existencia desas señoritas poetisas, que escribían as súas obras por múltiples razóns (non, non todas teñen que ser protoprecursoras de nada para que lles prestemos atención) anula os mecanismos que ata agora fan que, para o mainstream, esas mulleres non existan. Foron anuladas porque escribían sobre ‘parvadas’, porque eran escritoras do montón, porque bah son poemiñas pequenos e pouco importantes ou porque só escribían esas cousiñas. Ou porque, e moito máis tráxico, o entusiasmo por Rosalía de Castro actuou como unha espada de dobre folla: Rosalía é importante pero Rosalía é a única. (Véxase a miña indignante visita guiada por unha cidade galega).

Todos estes puntos son, por certo, dos que fala Russ no seu libro. Singularizar á muller importante do período histórico é unha das accións habituais que fan pensar que as mulleres non escribían. Pensemos en Jane Austen e como parece, dende fóra, única. En realidade, a calidade da súa obra non nos debería cegar ante a situación de que era unha de tantas mulleres que escribían naquel momento en Reino Unido, dende a aclamada Fanny Burney ás autoras de novelas sensation de Minerva Press.

Pero non é dedicar un día das Letras Galegas ás poetisas burguesas de finais do XIX xustamente un parche cutre ao problema? Non acabará sendo un ‘nós xa cumprimos’? A cuestión é que un día para o grupo non debería servir para borrar os logros individuais. Debería servir para un primeiro paso para facer que sexan máis populares e que as súas figuras se vaian facendo máis coñecidas unha a unha.

 

Foto de Ylanite Koppens en Pexels 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *