Outra crónica do Culturgal… desde o stand de Disquecool

CulturgalPoderíamos dicir que non publicamos onte esta crónica da quinta edición da Feira das Industrias Culturais Culturgal porque nós somos dos que preferimos pensar as cousas. Escribir un texto rápido nada máis chegar a casa? Coller os datos das notas de prensa? Reproducir o que reproducen todos? Iso non é nada cool! E si, todas esas razóns son certas, aínda que a principal é a do cansazo, a do sono. A da atracción fatal da cama ao chegar a casa tras tres días de feira e a sensación de resaca do luns (e xuramos que somos xente seria e que o domingo só bebemos unha sidra!).

Xa recuperados, procedemos a darvos a nosa crónica do Culturgal, aínda que é unha crónica moi pouco completa. É a crónica do que se viviu desde o stand de Disquecool durante tres días cheos de xente, fotos e moita cultura.

Empecemos por nós, que hai confianza. Este ano decidimos facer un pícnic invernal e convertemos o noso stand nun pequeno recuncho verde, con algunha plantiña, con mantel de cadros e con cestiña de pícnic. Pero o importante foi unha vez máis o photocall, poñéndovos a todos en portada de Disquecool, este ano con accesorios! Aínda non sabemos moi ben como fixemos para que todos eses bigotes, gafas e sombreiros sobrevivisen ás avalanchas de nenos que sufrían de cando en vez, pero sobreviviron. E o noso photocall nunca fora tan adorable e riquiño.

Enfronte do stand tiñamos o escenario do Garaxe, así que nos momentos tranquilos podíamos tomar nota das presentacións que se facían. Estiveron os rapaces de GalApps, a xente de O Cable Inglés, faláronnos de que vai haber filme de ‘A Esmorga’, os nosos veciños de Own The Way tamén pasaron por aí. E estivemos nós co Off Culturgal, pero iso xa volo contaremos mañá.

Entre o noso stand e o escenario de Garaxe, estaba o corredor principal (este ano tiñamos un sitio guai!), polo que pasaron moitos nenos de coles e institutos o venres pola mañá, xente máis adulta pola tarde, e que se encheu case ata o colapso o sábado. Normal, pola mañá a TVG levou a un montón de celebrities! Estivo Xabarín, un par de Bolechas, Doraemon… Este último foi sen dúbida o triunfador do día, perseguido por pequenos e grandes e maltratado por moitos (temos unha foto na que lle están a meter un pau nun ollo), e tivo a deferencia de pasar polo noso photocall. Disquerredacción feliz. O domingo non houbo colapso, pero si moitísima xente. Houbo ata colas no noso stand!

Aínda que as colas principais estaban na cafetería (ao noso lado) e no posto da tenda de larpeiradas de Compostela Pecados. E supoñemos que tivo que haber outros momentos de aglomeración: o venres Nacho Escolar estivo presentando a tradución ao galego do seu libro ’31 noites’ (editado por Rinoceronte), o sábado estivo Luis Tosar, o domingo Manuel Rivas… O noso photocall só puido fotografar a Escolar para a sección celebrities (Escolar, Doraemon e o Apalpador), porque somos xente tímida. A Nacho Escolar trouxéronnolo da man desde Rinoceronte, a Tosar vímolo de lonxe mentres nos prometíamos que se pasaba por diante do stand diriámoslle algo. Non pasou. Do ano que vén non pasa!

Culturgal - Stand do Público

Enfronte de nós estaba tamén o recuncho dos valentes: gústache falar para as cámaras? Había dúas oportunidades! Estaba o stand da TVG, que un ano máis permitía converterse en presentador das noticias e estaba “o stand do público”, no que tocaba contar que nos gusta da cultura galega e que non, que é o último que consumimos, que recomendamos… Houbo bastante valente!

De cando en vez tamén dábamos algún paseíño para curiosear un pouco. Tiñamos que ver a actuación de Os da Ría e probar o seu viño senlleiro, queríamos percorrer os stands das editoriais e mercar cousas da tenda, corremos todos a facernos unha foto no photocall de Gústame o galego contando que era o que nos gustaba exactamente, coleccionamos chapas e máis chapas… e rematamos cansos, moi cansos de tres días tan intensos pero tan alegres, e sorprendidos unha vez máis pola afluencia da xente, e o interese e as ganas de ver cousas que tiña todo o mundo.

Graciñas á organización do Culturgal por chamarnos un ano máis, a todos os que pasastes polo noso stand e a todos os feriantes por facer que o ambiente fose cool en todos os recunchos do Pazo da Cultura.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará