Dawson reinventa a Dawson

Dawson en Don't Trust the B*

Que ocorre cos heroes das series de adolescencia? A maior parte acaban por converterse en sombras do que foron, en señores fondóns que fan cuestionarse ás adolescentes que un día encheron as carpetas coas súas fotos que era o que podían ver daquela e en civís do mundo das series que só son recuperados nalgún deses artigos deprimentes sobre que foi de. Agora un deses heroes de adolescencia, o pesado Dawson, volve nunha serie na que ademais ri de todos eses tópicos e fai de si mesmo facendo de Dawson, un xogo ‘metatelevisivo’ que ademais resulta moi divertido.

James Van Der Beek comezou como un personaxe secundario en Don’t Trust the B*, unha serie divertida pero con poucas aspiracións (é unha desas de media tempada coas que se enchen ocos na programación) pero a medida que a historia progresaba o seu personaxe facía outro tanto. Empezou sendo o reclamo coa que a coprotagonista, a bitch na que non se pode confiar, embaucaba ás súas pobres potenciais compañeiras de piso, ás que despois facía sufrir para que marchasen do piso e quedar así coa fianza. Agora é un personaxe máis da serie, protagonizando tramas principais nalgúns episodios (como a que o leva a ser unha das estrelas decrépitas de ‘Dancing with the stars’).

O papel de James Van Der Beek é o de facer de James Van Der Beek. Pero non o real James Van Der Beek, senón o que todos poderíamos agardar que acabase sendo o tío que facía de Dawson. Así, este James participa en películas de serie B, intenta facerse cun papel nunha película protagonizada pola nena de ‘Mad Men’ (xa sabedes, unha super estrela emerxente) e vive dos réditos de ter sido Dawson. É unha estrela estúpida, pero divertida, que vive nun piso inmenso en Nova York e que non consegue repetir ese éxito incrible que tivo co choromiqueiro Dawson. A súa trama argumental permítelle ademais aos guionistas facer unha chea de divertidos cameos, como por exemplo o Zack de ‘Salvados pola campá’ ou o Supermán de ‘Lois e Clark, as novas aventuras de Superman’.

A serie, ademais de contar con este divertido xogo, é tamén divertida de ver. As súas protagonistas son, ademais da bitch malvada e sen moral, unha rapaciña inocente do Medio Oeste, que chega a Nova York para traballar nunha empresa da industria financeira que colapsa no seu primeiro día de traballo.

Foto | Facebook da serie 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *