A sidra: o próximo gin-tonic?

Unha pinta de sidraFalar de sidra en España lévanos sempre a imaxes de asturianos escanciando (ou xente de fóra intentándoo sen éxito), lévanos a bares e sidrerías tradicionais, que se ben poden ter o selo kitsch ou vintage para facelas atractivas, non son cool por definición. Imaxinade a sorpresa desta disquerredactora cando descubriu que a bebida de moda entre os east-londoners (os hipsters londinenses) non é o gin-tonic. Os modernos da capital inglesa beben sidra.

Dúas razóns parecen ter pesado á hora de facer da sidra a bebida de moda en Londres: o seu prezo é bastante máis baixo ca o de calquera cóctel ou copa ao ser Inglaterra país produtor de sidra, polo que compite directamente coa cervexa; pero gaña esta última ao ser unha bebida máis “delicada”. Ou dito doutra forma: a sidra non provoca eructos, a sidra non enche como enche unha cervexa.

O outro tema é, claro, o do alcohol. Sabendo o que gusta nas illas británicas beber ata perder a consciencia (chega un momento no que ata os hipsters son hooligans), podería estrañar a popularidade dunha bebida que aquí consideramos case apta para nenos pola súa baixa gradación. Pero é que a sidra inglesa non é como a española, e a forma de servila é tamén distinta.

Por unha banda, as sidras máis populares son as de maior gradación (sobre un 7,5%, non máis porque subiría o prezo), pero ademais a cantidade que se bebe é tamén maior: sabes eses típicos vasos de medio litro tan comúns para a cervexa en países xermánicos ou no Reino Unido? Resulta que os ingleses non só beben “pints” de cervexa, senón tamén de sidra.

Conclusión? Se entras nalgún pub do leste de Londres (os de preto de Broadway Market son os que teñen unha densidade de modernos por metro cadrado máis alta) atoparás a xente bebendo cervexa, si, pero tamén verás a un montón que nos seus enormes vasos sorben con coidado as súas pintas de sidra. De feito, na barra, ao lado dos abastecedores de cervexa hai sempre un ou dous tamén de sidra.

Desde aquí a nosa predición: nuns poucos meses a sidra empezará a substituír ao gin-tonic como bebida cool por excelencia tamén en Galicia. Polo menos ten máis posibilidades que o anís

Foto | ashton

Shares

8 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *