O axente 007 bebe Vodka Martini, “shaken, not stirred”; Bette Davis, na súa interpretación de Margo Channing en ‘All about Eve’ apura o seu Gibson antes de pronunciar: “Fasten your seatbelts. It’s gonna be a bumpy night”. Marilyn Monroe improvisa uns Manhattans nunha bolsa de auga quente en ‘Some like it Hot’. Sensuais, glamurosos, vistosos, fragrantes, distinguidos, elegantes. Os cócteles levan moito tempo entre nós, pero a súa popularidade parece terse incrementando nos últimos tempos. Abren locais especializados, os de ‘toda a vida’ incorpóranos na súa oferta, e mesmo inspiran festas temáticas entre amigos coa finalidade de ver quen prepara o combinado máis exquisito. A pesares da crise e do seu elevado prezo en comparación con outras bebidas menos elaboradas, os cócteles están de moda.
O primeiro cóctel documentado data do século XVI e algunhas das receitas clásicas prepáranse desde hai moito tempo, como por exemplo o Old Fashioned, un combinado de bourbon que xurdiu cara finais do século XVIII. Desde entón a súa popularidade foi flutuando, con períodos de esplendor e outros máis escuros. Hoxe, calquera bar de moda conta cunha carta de cócteles, ou polo menos ofrece os básicos: mojitos e caipirinhas. ‘Sexo en Nova York’ puxo de moda o Cosmopolitan (vodka, Cointreau, zume de arandos e de lima) e invitounos a emular a Carrie e compañía cos seus sofisticados combinados. Na serie Mad Men tamén abundan os cócteles: Betty Draper prefire o Tom Collins (xenebra, soda, zume de limón, azucre, un toro de laranxa e unha guinda), e o Gimlet (vodka, azucre e zume de limón cun toro de lima), mentres que os ambiciosos publicistas de Sterling&Cooper decántanse polo sabor do Old Fashioned.
As series e películas teñen parte de culpa, pero na popularidade dos cócteles inflúen ademais outros factores. Diana González forma parte de Mikcocktails, unha empresa de catering exclusivo de coctelería para eventos de A Coruña, de recente creación. Na súa opinión “os medios teñen gran responsabilidade” á hora de facer dos combinados unha bebida de moda. Ademais, engade que “o feito de que cada vez viaxemos máis fixo que aquí se popularizara a coctelería, moito máis arraigada noutros sitios de longo percorrido neste sentido”.
Os cócteles máis demandados polos clientes de Mikcocktails son os mojitos e as caipirinhas. Os máis coñecidos son para Diana “o famoso Dry Martini do axente 007, os Daiquiris de Hemingway no Floridita da Habana, e agora, grazas a Sexo en Nova York, o Cosmopolitan”. A empresa está formada por dous compañeiros dun bar de A Coruña especializado en cócteles. A idea xurdiu cando un deles, Miqui, decidiu agasallar a un amigo que ía casar facendo cócteles na súa voda. Varios convidados preguntáronlle se o podían contratar para outros eventos, e aí comezou todo. Diana explica que traballan tanto a nivel empresarial (feiras, presentacións, inauguracións, congresos…), como a nivel particular (banquetes, festas privadas…). Entre a súa oferta atoparás, ademais dos clásicos combinados, dúas creacións orixinais: “o Porteño, un cóctel sen alcol premiado no I Certame Torre de Hércules, e a Laranxiña, máis enxebre e tipicamente galego, con Albariño”.
Se ti tamén decidiches un día mercar unha cocteleira e un libro de receitas que o único que fan é acumular po na túa cociña, velaquí algúns consellos. “O máis importante é o ritmo. Sempre hai que ter ritmo ao facer un cóctel. Por exemplo, un Manhattan debe facerse a ritmo de fox-trot“, aseguraba o detective Nick Charles (William Powell) no filme ‘The Thin Man’. Para Diana, “é fundamental ser concienciudo e meticuloso; a experiencia, coma se di nestes casos, é un grao, aínda que tamén fai falla unha dose de atrevemento para dar coas mellores combinacións e curiosidade para innovar, xa que a coctelería é algo vivo”. O segredo está en “que da mistura de ingredientes a utilizar resulte non só un sabor especial”, senón tamén “unha textura, un olor e un aspecto deliciosos e diferentes, que o convertan nunha sensación única, que se percibe polos cinco sentidos, inclusive o oído (por estraño que pareza)”.
En canto aos elementos básicos que precisamos para preparar un combinado, Diana González sinala que hai unha gran variedade de bebidas a empregar, aínda que algunhas son practicamente indispensables en todos os cócteles, coma o zume de limón. “No caso dos alcohois, o ron e as súas variantes son dos máis utilizados”. Respecto a ingredientes, “o azucre, tanto branco coma moreno, e unha materia prima de calidade, a froita fresca, son primordiais”. No referente ao instrumental, non poden faltar “a cocteleira, a culler removedora, unha boa picadora de xeo e unha licuadora”.
A decoración tamén e fundamental para Diana, que destaca que a boa presenza destas bebidas “contribúe a que saiban incluso mellor”. A cristalería é dos aspectos máis importantes, xa que “da mesma maneira que un bo perfume ten que estar contido nun frasco exquisito que o dote de exclusividade, cada cóctel demanda a súa peza que o dota de personalidade”. Na ornamentación da bebida, remarca a sutileza: “nin o simplismo dos paraugas nin converter o cóctel nunha cesta de froitas”.
Os grandes clásicos están de moda, pero detrás veñen pisando con forza a coctelería molecular e os combinados sen alcohol. Ás cocteleiras aínda lles queda moito que axitar.
* Outras bebidas de moda das que xa che falamos son a sidra e o gin tonic. Podes volver a lelo aquí.
Fotos | Andrés Docampo para Mickcocktails
E verdade, os cócteles están de moda en Galicia! aquí na Guarda abriron o Monk Bar, e faennos de medo, deixovos unha imaxe para que morrades da envexa! hehehe
http://www.facebook.com/photo.php?fbid=2239304830502&set=a.2229020013388.131684.1484460182&type=3&theater
Un saúdo! (hoxe é venres e iremos a tomar uns cócteles a noitiña) :)
Que aproveite! Nós aínda temos que facernos cunha picadora de xeo para facer mojitos na casa ;)
Que boas fotos, provocan todos