A quen non lle dixeron algunha vez “fáltache un fervor”? En Compostela xa temos un, e está na Praciña das Penas. Éntrase por unha porta que pode non chamar a atención, aínda que baixando a pequena rampla da entrada, un pequeno moble con revistas musicais, de cine e moda xa che adianta que non hai tempo para o aburrimento.
“Nós facemos unha cociña antiautor”. Así cho espeta Ramón, ao que Cris deixa falar cos convidados porque sabe que se lle dá moi ben esa faceta de presentación dos produtos. Pero Ramón apresúrase a explicar que antiautor non significa en contra de ninguén, tampouco significa que non teña unha autoría o que fai. “Todo o que se fai ten un autor, pero eu non vou cobrar por pór unha cousa encima da outra”, engade Ramón, quen sentencia: “É cociña con sentidiño, con sentido común”.
E é que ofrece un menú que poderías facer na túa casa, con tostas de queixo de cabra e cebola confitada (3,5 euros) ou tosta de salmón e laranxa (4,5 euros). Ademais, outras opcións son os patés vexetais (5 euros), a escalivada (5 euros), a ensalada de pementos e ventresca (7 euros), a tosta con fumes e feta (3,5 euros) e a tosta de xamón e tomate (4,5).
“E para fincar o dente”, di Ramón orgulloso da carta “equilibrada nutricionalmente”, na que tamén podemos atopar xamón asado (7 euros). “Eu son vexetariana, pero de cando en vez teño que meterlle o dente a un chuletón”, foi a frase dunha clienta que inspirou no seu día que a carta introducise unha alternativa carnívora para a oferta fundamentalmente vegana, unha opción moi europea para unha cidade que recibe a millóns de peregrinos aos que escasamente se lles podía, ata agora, ofrecer este tipo de produtos.
“É unha cociña funcional, racional…Non ten trucos”, describe Ramón mentres nos ofrece unha mostra do que a partir do próximo luns día 10 de outubro servirán neste establecemento. O horario, a partir das 15:00 horas con cociña aberta ata que peche o local, que ata agora xa destacaba polos seus doces caseiros para merendar e que seguirán sendo unha opción azucarada caseira para as tardes.
Esta semana, os clientes que se pasaron pola Praciña das Penas puideron gozar dun adianto, xa que o Hervor&Fervor celebrou unha semana gastronómica para dar a coñecer o seu menú, cuxa filosofía é “comer a medida que teñas fame (e diñeiro)”.
Pero se aínda non coñeces o Hervor, este sábado tes unha gran ocasión coa festa que preparan Chabal&Chabala, pola tarde e ata o anoitecer, con ‘brunch’ incluído; e todos os domingos, dende este mesmo, haberá micro aberto, como nos confirmou Cris. Fanny e Juancho (os que van montar unha gran festa este sábado pola tarde) xa ameazaron con pasar lista e Disquecool non o vai a perder.
Fotos | Andrés Fraga