Un gran lenzo en branco para soñar, para encher de novos camiños sen perder de vista o fundamental: mans, cabeza e corazón. A marca viguesa La Canalla anuncia novidades, unha colección de sabas ecolóxicas que o 19 de decembro verá a luz nunha prevenda de unidades limitadas. Unha pata máis para este proxecto integral de creación téxtil impulsado polos irmáns Soto onde a moda, a arte e as emocións se unen para crear pezas única desde o coidado, o respecto, a ética e a liberdade individual.
“Centrámonos no rectángulo de tela para volcar a nosa creatividade”, afirma Fran Soto. O xerme hai que buscalo máis dun ano atrás. La Canalla quería dar un paso máis cara a súa aposta pola sostibilidade e trasladar a súa experiencia a un produto atemporal. O resultado é unha colección de sabas con algodón certificado ecolóxico que coidan o medio ambiente e a nosa saúde. “Pasamos 23 anos da nosa vida durmindo, parecíanos que era importante apostar por materiais naturais ecolóxicos”, explica Patricia.
E xunto á sostibilidade, a creatividade pinta de cores este inmenso lenzo. Soños. Edición limitada, nace cunha primeira serie de 100 unidades, estampadas de xeito artesanal e con tintas ecolóxicas coas principais iconas de La Canalla. Estes téxtiles para soñar comercializaranse por medio de prevenda nas accións que a marca celebrará en distintos puntos de Galicia, o primeiro deles, entre performance e sorpresas, o próximo 19 de decembro de 10 a 14 e de 17 a 21 horas no espazo Dinamo de Vigo.
Conciencia e liberdade
La Canalla é a opción de vida que Patricia e Fran Soto escolleron no ano 97 desde un posicionamento ideolóxico e político e de compromiso humano e ético. El, filólogo con experiencia no comercio téxtil, ela deseñadora cunha ampla traxectoria en empresas de deporte, uniron as súas vidas profesionais (as persoais xa levaban vinculadas desde sempre) para traballar no que lles gustaba e como lles gustaba. “A nosa paixón pola roupa vén desde moi pequenos, o tomamos moi en serio, pero ao mesmo tempo como un xogo, sen depender das tendencias e as presións das grandes firmas”, explica Patricia.
A marca é un negocio moi familiar. E non só porque Patricia e Fran sexan irmáns. A súa nai é todo un referente, un apoio creativo e motivacional que puxo nos seus fillos as ferramentas que hoxe lles posibilitan tecer os soños rebeldes e alegres de La Canalla. Tamén o seu pai, que “vestía como un pincel”, e toda unha rede de amigos e colaboradores que viaxan con eles nun proxecto fermoso e sincero.
Moitos deste compañeiros proceden do mundo da cultura, onde La Canalla acadou éxitos como participar en ARCO, traballar para La Fura dels Baus, crear unha instalación téxtil para a Volvo Ocean Race, gañar un María Casares, coñecer a Olga e Alfredo de A Artística, os seus primeiros clientes en artes escénicas, e conseguir unha residencia artística no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.
As súas coleccións de roupa, que poden mercarse en plataformas como FairChanges, caracterízanse pola súa natureza única e seriada, a adaptabilidade, a estampaxe a man e o uso do ornamento. “Son prendas envolventes, que te acollen”, explica Fran. Pezas atemporais con moito traballo de patronaxe que utilizan materiais téxtiles excedentes de produción e tecidos ecolóxicos. Todo se confecciona localmente, tanto por eles como por pequenos talleres en proximidade.
“A liberdade coa que traballamos chega a un certo punto de anarquía. Collemos un anaco de tela e comezamos a crear, é un proceso moi integral, unha creación orgánica”, afirma Patricia, ao tempo que puntualiza que moitas veces esa intuición, “pola bagaxe que levamos atrás, acaba converténdose en pauta”. De aí sinais de identidade de La Canalla, como o reposicionamento das prendas ou os tecidos sen rematar.
Un taller nómade
Este ano 2015 tamén trouxo para La Canalla o Taller Nómade, unha invitación a reflexionar sobre onde, como e quen fai a túa roupa e visibilizar a súa forma de traballar. Un fin de semana ao mes mudaron o seu taller ao espazo Dinamo para facer en directo pezas á carta a partir de patróns de La Canalla. “É un posicionamento filosófico e ideolóxico desde unha perspectiva obreira”, afirma Patricia. “A creatividade e o mundo da creación é precioso e ten moito glamour, pero tamén hai unha acción, que nós vemos proletaria. Ensinar un oficio nos apetece, e tamén que eles interveñan no proceso de compra, nun proceso aberto e transparente”.
A acción tamén ten moito que ver co mundo das modistas e o traballo a medida, que para os irmáns Soto non resta participación no proceso de creación, senón que permite máis interaccións. “É honesto e bonito de vivir”.
Fotos | Andrés Fraga
l89f01
nicpmx