Todos os anos no mes de abril Milán convértese no centro do deseño. Máis de 400.000 visitantes de todo o mundo enchen o Salone del Mobile e os centos de eventos que acubillan as rúas da cidade na Milan Design Week. Pop-ups, exposicións, presentacións, festas… Aquí nacen as tendencias. Baixo o sol de primavera da cidade italiana, en vilas que se converten en showrooms, na animada via Tortona, en igrexas que acollen exposicións de cociñas, nos distritos do deseño como Brera ou Lambrate. E Disquecool tamén estivo alí, para ser testemuña do que chegará.
As tendencias que veñen (e xa era hora!) escríbense con esta palabra: sostible. Desde pequenas iniciativas —como obxectos realizados con madeira atopada nos canais de Venecia— aos proxectos das grandes marcas, que buscan novos usos para o plástico reciclado.
A nostalxia retro, a influencia do deseño xaponés e o uso da tecnoloxía para mellorar o noso benestar foron outras das tendencias que observaron os atentos ollos de disquerredactora e disquefotógrafo.
Aquí vai a nosa selección da Milan Design Week 2018.
SALONE DEL MOBILE
Do 17 ao 22 de abril, o recinto Fiera RHO acolleu as novidades e tendencias en deseño de mobiliario de firmas de todo o mundo. Este ano celebráronse ademais EuroCucina e o Salone Internazionale del Bagno. Con máis de 200.000 m2 e 2.000 expositores a incursión nesta feira resulta tan interesante como esgotadora. Isto foi o que nos cativou:
Sanwa Company
Cunha posta en escena minimalista e delicada, esta marca de Xapón foi un dos nosos imprescindibles en EuroCucina. O seu concepto “the impact of compact”, con pequenas cociñas compactas pensadas para os estilos de vida contemporáneos, combina a tradición xaponesa coa investigación en deseño.
USM
A oficina internacional UN Studio e a firma suíza de mobiliario modular USM uníronse para crear HomeWork, unha instalación teatral que exploraba os límites cambiantes que hai entre o traballo e a vida doméstica, na actualidade e no futuro. 13.318 tubos e unha reflexión: “Seguirán existindo as oficinas dentro de 50 anos? O traballo goberna as nosas vidas hoxe máis que nunca, e a tecnoloxía permite que invada o noso tempo libre. Como nómades dixitais somos cada vez máis móbiles, listos para establecer a nosa oficina onde sexa que esteamos”.
Arper
A marca de mobiliario italiana colaborou co estudo barcelonés de arquitectura MAIO para crear o seu stand. A partir de paneis de madeira sen tratar cortados de formas xeométricas, construíron un espazo central que conducía a pequenas estancias. Cada unha delas albergaba un dos valores de Arper: Equilibrio, Intuición, Familia, Cor, Lixeireza e Xogo.
KARTELL
Baixo o lema “Smart design for smart people”, o enorme espazo da coñecida firma de deseño estaba conformado por oito plataformas que representaban os temas que definen a súa estratexia de marca: madeira, biomateriais, tecnoloxía intelixente, exteriores, fogar e asentos, iluminación e unha nova colaboración con La DoubleJ.
FUORI SALONE
Tan interesante (ou máis) como o Salone son o conxunto de eventos que se celebran ao longo da cidade. Hai anos era o deseño máis emerxente e alternativo o que tomaba as rúas para mostrarse ao mundo, pero na actualidade tamén as grandes marcas buscan nas vilas, patios, galerías e mesmo igrexas de Milán espazos de comunicación menos convencionais. Velaquí os nosos favoritos:
NENDO
En colaboración con distintos fabricantes, o estudo de deseño xaponés presentou en Superstudio 10 conceptos que xiraban en torno á idea de movemento, investigando a función do obxecto, o material e proceso de produción. Delicada e sorprendente. Poesía feita deseño.
VITRA
Una localización singular (La Pelota) para unha mostra singular. Comisariada por Robert Stadler, “Typecasting” reuniu 200 mobles do arquivo de Vitra, así como deseños actuais e mesmo prototipos. Baixo unha perspectiva antropolóxica, e tendo en conta os estilos de vida da era dixital, clasificou as pezas en nove tribos. Entre elas, Beauty Contestants, Communals, Dreamers ou Compulsive Organizers. Unha visión chea de humor do presente, o pasado e o futuro da marca.
MINI LIVING
Todos se suben ao carro da Milan Design Week, tamén os fabricantes de coches. Da man dos londinienses Studiomama, Mini converteu unha antiga nave industrial nun fogar cheo de cor para cuestionar a arquitectura convencional, chamando a atención sobre a importancia da colaboración entre residentes e arquitectos. Seguindo esta filosofía, os visitantes fomos convidados a construír o noso pequeno fogar en miniatura. E este foi o de Disquecool!
As empresas tecnolóxicas tampouco queren permanecer alleas ao mundo do deseño, poñendo o foco na forma en que poden mellorar o noso benestar. Google debutou na MDW con “Softwear”, unha mostra articulada a partir dunha predición que Li Edelkoort (a famosa experta en tendencias) fixo en 1998, cando imaxinou un futuro onde a tecnoloxía e a nidificación se fundirían. Un mundo no que poderiamos traballar comodamente desde casa un día de chuvia ou falar coas persoas que están lonxe de nós, sen movernos do sofá.
Fotos: Andrés Fraga