Os Monos de Laxeiro: humor gráfico galego dos anos 20

Unha exposición recolle agora as todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa durante os anos 1928, 1929 e 1930 (cando era un artista novo). Os xornais nos que Laxeiro publicaba as súas obras eran El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. A Fundación Laxeiro localizou as 49 viñetas en cuestión, que poden ser visitadas ata o próximo 16 de setembro na súa sede (na Casa das Artes de Vigo, en Policarpo Sanz). Á exposición acompáñaa a publicación dun libro por parte de Laiovento que as recompila e as contextualiza con textos de expertos.

O humor gráfico é unha das fiestras que axuda a comprender, dun modo rápido e co que é moi doado identificarse, as cousas que están acontecendo ao noso arredor. As viñetas que publican os medios son, por tanto, unha especie de resumo do que importa, do que nos preocupa, do que está cambiando, do que debería facelo ou do que lle acontece á xente. E, aínda que poda que pareza unha cousa do máis moderna, o humor gráfico ten unha ampla e longa historia e a súa presencia nos medios foi unha constante ao longo dos séculos.

A mostra é tamén unha boa escusa para descubrir un dos elementos clave da prensa de finais dos anos 20 en Galicia. “Durante os anos vinte o humor gráfico galego vivía unha época dourada”, explican na presentación da exposición. “Rara era a publicación periódica que non contara con colaboracións gráficas de corte humorístico nas súas páxinas de forma máis ou menos estable”, engaden.

O propio nome da exposición é tamén unha recuperación da linguaxe xornalística da época. Entre finais do XIX e principios do XX, na prensa en España, comezou a chamarse ‘monos’ a todos os debuxos que acompañaban os textos xornalísticos, viñetas humorísticas incluídas.

Imaxes | Fundación Laxeiro 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *