Os Lego forman parte das lembranzas de infancia de moitos adultos e son parte dos xogos de moitos dos nenos de hoxe en día. Lego é, de feito, unha marca de referencia no mundo dos xoguetes e, tras unha pequena crise hai uns anos, unha das marcas da industria dos xoguetes máis valiosas do mundo. A súa historia é moi ampla, xa que se remonta a 1932.
Sen embargo, eses primeiros xoguetes eran moi distintos aos actuais. Lego comezou con xoguetes de madeira e non sería ata os 50 cando comezou a facer xoguetes plásticos. As figuriñas que son unha icona da compañía chegaron mesmo máis tarde: son do 1978 e, por iso, están este ano do aniversario. Acaban de cumprir 40 anos.
No 78 foi cando comezaron a producir as minifiguras actuais e é por tanto cando a compañía pon o comezo do seu nacemento, pero o certo é que xa empezaran a experimentar con figuriñas un pouco antes. En 1974 lanzaron figuras que podían ser construídas (eran composicións cos seus bloques) e en 1975 sumaron unhas figuras con corpo sólido, pero extremidades fixas e sen expresión.
As que apareceron en 1978 podían mover brazos e pernas e tiñan unha expresión impresa no rostro grazas a dous puntos negros (os ollos) e unha liña negra que era o seu sorriso. Entón lanzaron 20 figuriñas, entre as que meteron algunhas profesións (como bombeiro ou doutor). 40 anos máis tarde teñen 8.000 modelos de figuriñas con 650 posibles expresións faciais.
Nas primeiras figuras só as que representaban a mulleres tiñan pelo. Os homes levaron sempre sombreiro ata que lles deseñaron o primeiro peiteado no 1979. Todos levaron pantalóns ata 1990, cando apareceu a primeira figura que levaba un vestido, e ningún tivo barba ata 1993. Ata que non lanzaron en 2002 a figura de Yoda, todos tiñan o mesmo tamaño de pernas. E ata 2016 non apareceron nin a primeira figura bebé nin a primeira en cadeira de rodas.
No carrusel principal, algunhas das primeiras figuras con transporte (1978), evolución da figura dende 1974 a 1978 e unha colección de prototipos entre 1975 e 1978
Fotos The Lego Group