Axenda cool para a fin de semana (3-5 de novembro)

Os venres, eses días felices nos que todo é posible. Erguemos cun sorriso, pensando no que nos deparará a fin de semana. Entramos nos grupos de WhatsApp, e sempre xorde a mesma pregunta: que facemos esta finde? Pois non será por falta de plans! Velaquí a nosa pequena selección, a nosa disqueaxenda oficial. A gozar!

 

As noites interiores de Jesús Madriñán

As noites interiores | Jesús Madriñán

 

As noites interiores reúne por primeira vez, e nun mesmo espazo, as series fotográficas máis recentes de Jesús Madriñán, a través das cales podemos viaxar a través da evolución do propio artista galego. En Good Night London (2011), realizada durante a súa estadía na capital británica para estudar na Central Saint Martins, observamos como se adentra no formato analóxico para retratar á xuventude nos clubs de Londres. Boas Noites (2013) é o seu regreso a Galicia, onde contrapón a postura cool londinense coas discotecas rurais galegas. En 2016 resultou beneficiario dunha bolsa para artistas da Real Academia Española en Roma, e aí foi onde naceu Dopo Roma, onde a escuridade dos afters é substituída pola luz clara do amenceres, onde os rostros e actitudes dos retratados son os que reflicten a noite xa vivida, extinguida.

En Normal – Espazo de Intervención Cultural (A Coruña), ata o 31 de decembro. Máis información

Teatro: Ensaio sobre a cegueira

Ensaio sobre a cegueira

 

Si, hai que ir ao teatro, moito máis. Incluímos na nosa recomendación  a obra que este venres se representa no Auditorio Municipal de Vigo, unha adaptación da novela de José Saramago, a cargo de Sarabela Teatro. Fantasía e realidade entretecidas nunha impresionante parábola do tempo que vivimos.

Auditorio Municipal de Vigo, 3 de novembro. Máis información.

 

Acreativa: Mordem

Acreativa: Mordem

 

Xa temos falado dela, daquela chamábase Jane Joyd. Para o seu novo proxecto, Mordem, Elba Fernández decidiu cambiar o pseudónimo en lingua inglesa por un nome inspirado na palabra galega “morden”, extraída dun poema de Rosalía de Castro. Dentro da programación de Acreativa de Afundación poderemos gozar dos sons do primeiro disco desta nova etapa, Fragments to dominate the silenceAs cordas e o folk do seu anterior traballo dan paso agora a sons máis variados, ás veces achegados ao trip hop, outras ao novo R&B, o ambient, o pop ou o dream pop, conformando un novo estilo máis nórdico e menos americano.

Sede Afundación da Coruña, 4 de novembro, Máis información.

 

FEEED’17: O Foro de Edición e Deseño da DAG

FEED

 

Volve o Foro de Edición e Deseño, FEED da Asociación Galega de Deseño (DAG)! Entre as propostas, obradoiros de visual thinking e tipografía dixital, unha mesa de debate con alumnos das escolas de deseño galegas, e conferencias con convidados tan interesantes como Lois Guillán, de Cucuducho, João Martino e Miguel Almeida de Non-Verbal Club ou Francesco Furno e Pablo Galeano de Relajaelcoco.

Do 3 ao 4 de novembro en diferentes espazos de Compostela. Máis información.

 

Travesías pola Ría de Vigo para coñecer mellor o Pergamiño Vindel

 

Entre as actividades que se están a desenvolver ao redor da exposición Pergamiño Vindel no Museo do Mar do Vigo hai unha que chamou especialmente a nosa atención: Ondas do mar de Vigo é un ciclo de travesías marítimas para coñecer mellor as cantigas de Martín Códax e a súa relación co mar, a través do patrimonio natural e paisaxístico da ría de Vigo. Hai varias datas previstas nas findes de novembro, pero tamén moita demanda, así que se queredes formar parte desta viaxe tedes que bulir!

Museo do Mar de Galicia. Varias datas en novembro. Máis información.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *