“A autoedición dá liberdade, pero tamén é un sacrificio”

Jane Joyd no festival Sinsal na illa de San Simon

Hai tan só un ano, Elba Fernández acababa de colgar catro cancións baixo o nome de Jane Joyd en Bandcamp e Soundcloud. Un EP como tantos que chegan cada día á rede nestes tempos de autoedición e autoxestión musical que permiten que moitos músicos dean ese primeiro paso antes controlado polas discográficas. Un EP que podería ter sido enterrado e esquecido (como tantos) se non fose por un pequeno detalle: o Jane Joyd EP ten detrás moito talento.

Súmalles a esas catro cancións un bo directo deses que a xente comenta e recomenda ao día seguinte, e un pouco de sorte (que nunca sobra), e tes o resultado. Meses despois, Jane Joyd gaña o Proyecto Demo e está a piques de tocar no FIB. No pasado Sinsal San Simón (tamén coñecido coma “paraíso”), falamos un rato con ela de música, cambios e futuro.

Como vai a xira?

Pois agora empezando… Aínda que a xira realmente nunca nin empezou nin nada, porque levo tocando xa desde que saíu o EP hai un ano, e rematará en setembro. En agosto haberá algún boliño e tal, pero bueno, vai ben. Moi eclécticos todos os escenarios…

Notaches moito cambio desde que gañaches o Proyecto Demo hai un mes?

Sobre todo a nivel de medios nótase moito, porque é un certame con moita repercusión. E despois saen así cousiñas para directo, a xente empeza a coñecerte máis e chámante para tocar, como agora en San Simón.

Esperabas (non gañar, ninguén espera gañar) quedar polo menos ben situada?

Non, porque realmente hai tantos participantes… este ano presentáronse 644, creo. E entón, claro, esperar algo realmente… non se sabe porque pode haber moita xente boa. Pero aquí estamos!

Como van os preparativos para Benicàssim? Todo xa listo?

Si, non vai a ser a mesma formación que fomos a Radio 3, iremos un trío. Ademais é un formato que se pode axustar ben ao que hai alí, será unha boa experiencia.

Jane Joyd no Festival Sinsal na illa de San SimonAproveitarás para ver a algún grupo? A quen lle tes máis ganas?

Como nunca fun ao FIB, sobre todo quero ver como é un festival tan masivo, porque non son moi de multitudes e nunca fun a un macrofestival. O feito tan só de tocar alí xa é unha experiencia, e despois participar como público, poder ver a Beirut, a Mumford & Sons, Noah & The Whale,…

Tocas bastantes versións nos teus concertos, reflicten as túas influencias ou o que máis che gusta?

Supoño que simplemente disfruto tocando esas cancións, tamén disfruto tocándoas na casa, e gústame que poida tamén disfrutalas a xente.

Que nomes dirías, se tiveses que dar nomes?

Pois diría Bon Iver, diría Ane Brun, Sufjan Stevens…

Mirando atrás, desde que sacaches o EP hai tan só un ano todo ten ido moi rápido, non?

Si, todo súper rápido, sobre todo a raíz de saír na televisión nacional e de gañar o Proyecto Demo. Antes era todo como un proceso máis natural: sacas o EP, vas tocando pouquiño a pouco en distintos sitios, … pero claro, agora vai todo bastante rápido.

O da autoedición é necesidade ou principio?

Pois un pouco de todo, pero máis que nada porque non hai máis remedio. En realidade é o que hai, a autoedición dá esa liberdade pero tamén é un sacrificio.

Tes plans de sacar algún disco? Para cando?

Bueno, a xente vai dicindo por aí que vou sacar un “longa duración”, e eu son máis de “curta duración”. Gústame sacar pezas pequeniñas porque vai a cambiar bastante o estilo. O primeiro EP era moi ecléctico, son cancións que eu tiña de moi atrás e outras máis novas… Pero digamos que agora as composicións novas xa teñen outro aire, a voz se coloca doutra maneira… así que supoño que será outro EP.

En que sentido vai cambiar o estilo?

Cambia a instrumentación, a idea é que haxa bastante corda. Tamén me gustaría meter máis coros, porque no EP anterior os fago eu todos, gustaríame contar con máis voces. E cambia a forma de posicionar a voz, será un pouco máis arriscada.

Que houbo antes de Jane Joyd? (Porque realmente non es unha recén chegada…)

Aparecín así, de repente! (risas). Non, houbo bandas con amigos, bandas de versións de rock, a min tamén me gusta tocar funky… Pero para un proxecto propio decidín un estilo máis intimista, porque o que teño que contar é máis introspectivo.

E xa para rematar, a máis típica: por que Jane Joyd?

Jane Joyd vén dunha curtametraxe que circula por Internet, que se chama ‘Jane Lloyd’, e vai sobre a vida dunha actriz desde que nace ata que morre cunha morte tráxica. E é unha curtametraxe sen guión falado, ten simplemente unha banda sonora e o seu nome aparece durante toda a súa vida: desde que nace na pulseriña, etc. Gustoume moito esa curta, así que dixen “voulle roubar o nome, voulle cambiar unha letra”, e non sei, gustoume.

* Queres saber que cousas son cool para Elba? Consulta a súa disqueficha.
* Jane Joyd actuará este venres 1 de xullo no Vigo Transforma. Podes ver máis datas e baixar o seu EP de forma gratuíta na súa web.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *