Trampoline: “Queríamos facer un disco de verdade, non unha maqueta longa”

Entrevista Trampoline

Trampoline estaban na lista de tarefas pendentes de Disquecool desde hai xa bastante tempo. Tanto tempo que puideron gravar o seu primeiro disco, ‘Motivations’, mentres esperaban á entrevista, para darnos a escusa perfecta. Pero quen son Trampoline? De que estamos a falar? Trampoline é ese grupo que ti, amante de todo o rollo indie-folkie, tes que anotar no teu caderno (ou quizais mellor ir ao seu Bandcamp e escoitalos). Trampoline son David Tizón, Marcos Rivera e Iago Fernández, que co seu disco novo aproveitan tamén para tocar este sábado 14 en Vigo en La Iguana e o vindeiro martes 17 en Compostela na Casa das Crechas. Aínda queres saber máis? Entón le a nosa conversa con Marcos e con David. E despois merca a entrada para algún dos seus concertos.

– Cando xurdiu a idea de facer un disco de verdade, xa de forma realista?

David: Cando xurdiu? Hai xa bastante, gravámolo no Nadal. Fixémolo con Bruno Murmura, a quen, aínda que ten moito gusto e todo iso, lle levou un pouco máis de tempo, sobre todo porque el tamén está a aprender. Pero o resultado é cen por cen profesional. Tardamos en facer a mezcla e masterizalo, tamén porque nós, ao gravar con el, íamos buscando o que queríamos. Se gravas nun estudio e tes que telo en dous días non o podes facer.

Marcos: As cancións que están no disco xa existían cando gravamos ‘Fog’, o primeiro EP, hai xa un ano. Foi como unha aventura algo progresiva, unha forma de ir paso a paso.

D: ‘Fog’ foi a forma de romper o xeo. Coa incorporación de Iago tiñamos pensado regravar esas cancións para que estiveran no disco porque nos gustaba moito o que facía. No disco hai nove cancións novas e as cinco do EP, pero para min son practicamente novas, case irrecoñecibles.

– Como é o proceso de autoproducirse?

D: Ui… é complicadísimo.

M: Eu diría que a palabra clave é “aprender”. Cando tes un grupo do que te preocupas é de compoñer e arranxar as cancións, facer un bo directo… pero en realidade nunca pensas en todo o que tes que organizar ata que estás aí metido. Non é un proxecto tremendamente ambicioso, no sentido do alcance que pretendemos ter neste momento, pero si houbo que aprender cousas.

D: Escoitar moitas veces as cancións para ver se te convencen ou non, se o son está como ten que estar.
M: Tirar de calculadora para que non saia moi caro…

– Non considerastes o do crowdfunding, agora que está tan de moda?

D: Si, comentouse, o típico entre amigos: “por que non montamos un bar?” “por que non facemos un crowdfunding?”, pero despois no seguinte ensaio xa nada…

motivations– Se saíu ben e non vos arruinastes facendo o disco…

M: Non, non nos arruinamos. É un disco atípico, ou non tanto agora que o tema da gravación doméstica é algo moi normal, pero queríamos facer un traballo serio, un disco de verdade, non unha maqueta longa, e aínda así decidimos facelo en casa. Gravámolo en seis días na miña casa, no salón, e Bruno Murmura, o amigo que fixo a gravación, mezcla e masterización, trouxo o seu equipo, convertemos a casa en estudio durante unha semana. E co resultado estamos encantados. O feito de estar na casa dá tamén moita comodidade.

– E por que se chama ‘Motivations’?

D: As cancións son un pouco cada unha do seu pai e da súa nai, non hai nada que as una tematicamente. O único que pensei foi que tiñan que ver con distintas motivacións que pode ter a xente (ou a súa falta). E agora véndoo coa portada ten moito sentido: son motivos que levan a accións, neste caso o oso está axudando ao pez a escapar, en contra do seu instinto, sen saber moi ben por que o fai. Como mil cousas que se fan na vida.

– E o de que a deseñadora da portada fose Elba Fernández (Pequena Suricata/Jane Joyd), como xurdiu?

D: Ofreceuse ela, empezamos a falar de posibilidades e xa as primeiras ideas eran unha pasada, dixémoslle “estás contratada!”.

M: Temos unha conexión moi boa con ela. A pesar de non coñecernos desde hai moito e non vernos moito, a verdade é que temos unha amizade moi chula e moita confianza. Dá gusto con ela. É unha tía estupenda, ten un talento incrible tanto para a música como para a gráfica… Xa estabamos moi orgullosos da gravación, pero vestindo xa así o disco desta forma fai que creza.

– Quen escribe as cancións, como vos repartides o traballo?

D: Iso explícao mellor ti, eu líome nesa parte.
M: As cancións existen desde antes que David e eu nos coñecésemos, todas son de David…

– Entón ti es o seu voceiro…

D: Cústame moito falar das miñas cancións, prefiro delegar…

M: El tiña esas cancións e cando nos xuntamos houbo química, funcionou, e eu púxenlles a miña parte. Hai varias cancións no disco que case son como nas demos que David gravara na casa, e outras que cambiaron. Coñecémonos para tocar, temos amigos en común, un día un chamoume e faloume de David e das súas cancións, por se me apuntaba para montar algo. Cando mas pasaron gustáronme moito, fixemos un intento de montar algo, pero medio fracasou, porque quedamos nós sós. A persoa que nos uniu decidiu non seguir adiante. Nós arranxamos esas cancións xuntos, eu puxen a miña forma de velas, e ao final somos un grupo, ou eu síntoo así.

D: Unha das cousas que me pasaban é que a xente me preguntaba por que non tocaba máis: porque me aburre. Nunca me gustou o de tocar só, o que me encanta de Trampoline é que realmente somos un grupo, tanto as aportas de Iago como as de Marcos fan que ese sexa o son. Non o vexo como que haxa unha figura principal, somos 33,33 cada un. É o que fai que estea contento co proxecto. Un exemplo é All you need, unha canción que a min me gustaba, pero bah… pero ao final entre os tres imprimimos esa dinámica que necesitaba.

– Non sei se seguir por este camiño e preguntar de onde saen as cancións, que as inspira…

D: De onde saen? A nivel letras tendo a fixarme en cousas abstractas, en temas universais cos que a xente se poida identificar. Pero en realidade xorde antes a melodía, a letra é ou algo que acabo de ver na televisión e vén á cabeza, noutras só me gusta como soan esas palabras combinadas… é bastante complicado de explicar. Nunca intento contar historias, só buscar cousas xerais (sen pasarse).

– Desde cando vos coñecedes?

D: Mediados de 2010, máis ou menos. E Iago incorporouse en 2012, en marzo máis ou menos.

– E antes de todo iso, de onde saídes cada un de vós?

D: A verdade é que hai unha combinación bastante interesante. Iago é músico de jazz, e na percusión si que se nota esa influencia e eses detalles.

M: É moi curioso, porque temos un gusto musical bastante parecido e coordinado. Iago é músico de jazz, pero coma a maior parte da xente da súa xeración non escoita só jazz, é por exemplo un gran fan de Radiohead, coma David. A min sempre me gustaran, pero non era moi fan, agora si que o son por eles. David é case autodidacta e eu veño da clásica, son profesor de guitarra clásica nun conservatorio. Atopamos un punto común e todas esas influencias déixanse ver. Un dos toques distintivos de Trampoline son as texturas das guitarras, moitos arpexios… non temos baixista e non hai baixos no disco, pero non se bota en falta porque as guitarras están a facer o seu traballo.

D: Só hai que ir aprendendo un pouco. Eu de adolescente estaba co britpop a tope, pero cando empecei a tocar e facer máis música, ademais de saber todas as de Radiohead, descubrín máis cousas. “Mira este Sufjan Stevens, que cousas fai coas guitarras e co banjo…” Vas vendo que fan outros grupos que te gustan e vas incorporándoo, pero non de forma consciente. Death Cab For Cutie son para min unha influencia brutal, sabía todas as letras, tocar todas as cancións, para min seguen a ser un grupazo. Encantaríame escribir letras como Ben Gibbard, pero é complicado.

– Que escoitabades de pequenos?

D: O meu irmán era pincha a finais dos 80, principios dos 90, así que todo o que se pinchaba nesa época. Bananarama e cousas así estaban na casa como vinilos. A miña irmá era moi fan dos Pet Shop Boys e a min encantábanme. Na época das cintas tiña de todo, sobre todo moita cousa en inglés.

M: A min marcáronme moito os Dire Straits, agora con distancia vese distinto, pero como me pillou no instituto empezando a tocar a guitarra eléctrica… Alguén pasoume a cinta, quedei alucinado por como tocaba Mark Knopfler, e pasei a adolescencia tocando os seus solos, de Pink Floyd…

Entrevista Trampoline– Cando foi o primeiro directo de Trampoline? Lembrádesvos?

M: Foi en agosto de 2011. Cando empezas a tocar por primeira vez, queres facelo un pouco en plan simulacro, de feito fixemos algún concerto en casa para amigos.

D: Ese era no que estaba a pensar eu.

M: Si, ese debeu de ser en xullo. Xuntamos á xente máis próxima, unhas dez ou doce persoas, e tocamos no salón. Estivo guai. O primeiro de verdade foi na praia de Lagos, en Bueu, onde hai un chiringo que levan uns amigos. Falamos con eles por se querían que fixéramos alí un concerto. Daba a sensación de que podía saír ben, o sitio é moi bonito, podían vir os nosos amigos, era gratis, podíamos estar cómodos… E foi un exitazo, a xente pasouno ben, soou ben, posta de sol…

– E os concertos da semana que vén, os da presentación do disco, como os enfocades?

D: En realidade o máis interesante é que por primeira vez está o disco listo e o vendemos case en exclusiva nos concertos. Despois estará nalgunhas tendas (Honky Tonk, Miranda…), estamos a ver o da venta por correo…

M: A nosa proposta é xa sólida, non temos nada que non estea a funcionar. O que facemos é aproveitar para presentar o disco, vendelo, recuperar un pouco da inversión feita nel. O de ter ese disco é tamén unha forma de chegar a locais que doutra forma é algo máis difícil. Por exemplo, aínda non tocáramos en La Iguana. Ter un disco dá a oportunidade de que por exemplo ti nos fagas unha entrevista, saír en medios, abre terreo…

– Como vos venderiades para animar á xente a ir?

M: Eu creo que a mellor forma de vendernos é conseguir que a xente lle dea ao play en Bandcamp e escoite un par de cancións. Se lles gustan, nós traballamos moito para ter un directo bo, e o directo é moi parecido ao que se escoita no disco. Moitas veces pasa que un disco che gusta e non sabes se despois vai a funcionar en directo. Nós ensaiamos moitos para que sexa así.

D: No último concerto no Aturuxo, en Bueu, por exemplo, que é un sitio que soa moi ben, un par de persoas que xa coñecían o disco dixeron que lles gustara máis o directo… é como “oh yeah”, éncheste de orgullo.
M: Esa é a mellor forma de venderse, se a xente escoita e é un estilo que lle gusta, molaría que se animasen a vir a vernos. E decidir se lles gusta por completo e se se queren comprar o disco…

– Como é o voso futuro?

M: A que te refires co futuro exactamente?

– Non sei, o futuro é algo complexo e abstracto…

D: En realidade o futuro é continuar contra vento e marea…
M: Nunha visión xeral, o futuro para min é seguir ata o infinito.
D: Estamos ben, pasámolo ben… e despois o que veña, pero non temos ningunha aspiración moi grande. A cousa está moi difícil para todos, hai grupos consagrados aos que non lles saen as cousas. Non sei, traballar, pasalo ben, non palmar pasta…

M: Quizais unha das cousas que soubemos facer mellor (ou que nos saíu mellor) é que non nos estamos queimando. Somos un grupo fácil de mover, imos sempre en coche, os tres con todo o equipo.
D: Esa é unha das respostas a cando a xente pregunta por que non levamos baixo ou teclista… pois porque con tres soa de sobra e as cousas custan cartos.

M: Así sae ben, non temos moitos gastos, podemos ir sen pedir demasiado. O que estaría ben no futuro, aínda que como non chega case acabas por descartalo, é conseguir un axente e conseguir unha discográfica. E como vai pasando o tempo, non chega, vas perdendo esas ganas, chega un momento no que case non queres que chegue. Xa estamos afeitos a resolver as cousas nós, será difícil que alguén que chegue nos poida convencer. Seremos moi esixentes…
D: Cando estás afeito a facer ti as cousas, se vén unha persoa cun carácter un pouco torto pode haber problemas.
M: Nós decidimos que música facemos, como a facemos, cando a gravamos, como a vestimos, onde tocamos, canto cobramos.
D: Pero, Marcos, se nos dan 6000 euros por cada concerto, creo que entraremos polo aro.
M: O resumo é que seguimos buscando, pero dos bos. Dos que non van armados.

* Trampoline tamén cubriron unha disqueficha!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *