‘AM’ (Domino Records, 2013) é o quinto disco dos ingleses Arctic Monkeys, probablemente unha das bandas máis importantes do indie rock da derradeira década. Para min, o disco que consistía en desfacer un empate no que me sinto nadando río arriba. Os dous primeiros e aclamadísimos discos de Arctic Monkeys namoraron ao universo enteiro, mentres a min me deixaban frío, aburrido xa de tanto revival post punk da época. Porén, cando ‘Humbug’ viu a luz aló polo 2009, despertou moito máis interese no que escribe do que nunca antes. Mentres, a eles aquel disco non lles deu demasiadas alegrías, pero era un paso cara a madurez que remataron por agradecer. Arctic Monkeys deixaban de ser un grupo bailable e divertido, para converterse nunha banda de esencia máis clásica e na que se podía asexar un proxecto a longo prazo.
Tras un ‘Suck it and See’ na mesma liña, había que agardar neste quinto álbum o que Alex Turner tiña en mente. Non semellaba que viñese a conto mirar ao pasado e volver ao camiño da hiperactividade, histrionismo e certa aceleración mal entendida. O camiño estaba marcado, e todo facía prever que non nos atopariamos con grandes sorpresas. E así foi. ‘AM’ persiste na idea dun rock máis básico, máis razoable. Sostido nunhas guitarras sempre escollidas con mestría. Quizais, iso si, nos acheguemos aos Arctic Monkeys máis pop que ata hoxe coñecemos, repetindo durante moitos momentos do disco a unión da voz de Turner con coros de natureza cómoda no falsete. Así nace, medra e remata morrendo ‘AM’, con dous dos temas xa coñecidos encabezando o repertorio, dun total de doce.
Do I Wanna Know? e R U Mine? abren as hostilidades con brillantez. Dous temas absolutamente fantásticos, de inspiración magnífica. Dos que fan que collas a guitarra imaxinaria e te volvas un tipo duro mentres os escoitas. Dos que merecen tantas escoitas que case tes a tentación de que o disco non pase xa de aí. Pero o disco pasa, en entón comezan os problemas. Dentro dunha liña xeral notable, ‘AM’ ten varios momentos de calidade ben inferior á marcada polos singles, e ata que chega I Want it All, pasan dous temas como One for the Road ou Arabella, perfectamente esquecibles e prescindibles. En realidade, esa é a liña a seguir por parte ‘AM’. Un disco decente. Un bo disco, de feito, pero que fica lonxe das cotas máis altas da banda. Un algo así como progresando axeitadamente, pero sabemos que podedes mellorar.
De aí ata o final, a constante é semellante. Alternamos temas moi lucidos, como Why’d You Only Call Me When You’re High?, que resulta ser terceiro single (como curiosidade, os tres temas escollidos como single por parte de Arctic Monkeys levan como título unha pregunta), e que se acompaña dun vídeo bastante logrado, ou a máis que potente Snap Out of it, na que hai quen ve a un Turner tentando ser Auerbach (cando digo que hai quen ve, digo que son eu quen o ve), sen chegar a selo de todo, pero tendo un gran resultado final. Pola contra, seguimos atopando os suficientes temas menores como para que ‘AM’ non sexa lembrado, precisamente, como o momento cumio na carreira de Arctic Monkeys, senón como un disco agradábel que posiblemente vaia progresivamente caendo no esquecemento dentro do total da discografía da banda.