Se a semana pasada aproveitabamos que o ano morre para salientar algún disco que se nos quedara atrás, hoxe faremos algo similar, aínda que ‘Mourn’ (Autoeditado, 2014) non leve tanto no mercado. Ben, de feito, ao mercado nin chegou. As catalás son deses grupos que te pillan nas soberbias. Unha das favoritas de quen escribe é que “os novos xa non van a concertos, non hai relevo xeracional salvo nalgún grupo moi concreto”. Mourn son as sete cuncas de caldo para quen non o quere. Un grupo conformado por xente que apenas chega á maioría de idade (de feito, varios non o fan)
‘Mourn’ é un disco intenso, directo, curto pero cheo de enerxía. Que recupera moitas das referencias rock dos ’90, unha década que apenas lles tocou vivir, pero da que terán escoitado moitas historias, e escoitado moitos discos na casa (Jazz e Leia son fillas de Ramón Rodríguez, The New Raemon). Así, é complicado non lembrar grupos como Sunny Day Real Estate ou, sobre todo e ante todo, Pj Harvey cando comeza a soar ‘Mourn’ da man da máxica Your Brain is Made of Candy. Tan só uns segundos para detectar que aquí hai algo máis que un sinxelo grupo maqueteiro sen máis.
Iso deberon detectar tamén aló polos EEUU, onde a prestixiosa Captured Tracks acaba de fichalas, e onde medios como Pitchfork, algúns meses despois de que as rapazas compartiran cancións tan fascinantes como Dark Issues ou Missery Factory, cunha voz de Jazz que desborda carisma, se fixeron eco de que aquí había grupo moi a ter en conta. Xordo habería que ser para non sentir o impulso de escoitar Otitis en bucle, quedando embobado cando o amigo que che está descubrindo ao grupo che explica que a baixista ten 15 anos.
Fragmentos de angustia teen, de mala baba amosada maltratando a guitarra en You Don’t Know Me ou berrando que todos calemos a boca en Marshall. Unha actitude desa certa soberbia ben entendida, da que lle fai falla a toda banda estilisticamente similar, pero que tanto se tarda en conseguir. Disque ou o tes, ou non o tes. Que o carisma é difícil traballalo. Que o sorriso que se nos queda aos nacidos a comezos dos ’80 se vemos a unhas ananas comerse un escenario coa decadencia de Silver Gold está ao alcance de moi poucos. O mundo é delas, o mundo é de Mourn.
1 comentario