Top 10 do 2014: música

O ano que remata mañá trouxo con el sensacións bastante contradictorias. Non foi un gran ano para xéneros como o rock ou a psicodelia, con discos moi agardados que supuxeron decepcións importantes (Black Keys ou Eels entre os discos perfectamente esquecibles, e mención especial “deixádeo xa” para Pink Floyd ou U2). Porén, outros xéneros, como o folk ou a neoclásica si acadaron cotas por enriba do visto nos derradeiros anos.

Aquí un resumo, os que para quen asina son os dez mellores discos deste 2014 (premede sobre os nomes dos discos para enlazar con spotify):

hookworms10: Hookworms – The Hum: Seguindo un par de tradicións nesta casa, por una banda mandamos a tomar vento o anteriormente dito (mal ano para a psicodelia, e abrimos lista cun disco psicodélico), e metemos en lista un disco do que non vos falaramos previamente. O enérxico, o vitalista que é o segundo disco dos británicos, as ganas de saltar e berrar que che entran, de ceibarte de cadeas autoimpostas… por iso merecen un sitio aquí. Entrar coa contundencia de On Leaving ou Radio Tokio garante que a túa proposta sexa escoitada coa mellor das caras por parte de quen está saltando sobre o sofá.

Damien9: Damien Jurado – Brothers and Sisters of the Eternal Son: Chegou hai xa moitos meses, a comezos de ano. Nunha época na que caer no esquecemento cando chega decembro é o máis doado. Pero non podiamos cometer tal inxustiza cun home que, tras pasar certo declive hai uns anos, retoma a súa carreira de forma fantástica con ‘Maraqopa’ no 2012, e cun disco que mesmo está por enriba no ano que remata. A undécima entrega do de Seattle non precisa máis que algunas xoias do tamaño de Jericho Road para acadar a inmensidade. Un paso firme cara adiante dalguén que, se supoñía, se instalara na comodidade. (Crítica)

Mourn8: Mourn – Mourn: Claro, disco de hai meses que nomeamos aínda a semana pasada. Estabamos a cociñar a lista e tiñamos que falarvos das cativas catalanas que acaban de pór patas arriba o panorama musical estatal. Disco do amargor da postadolescencia que moitos botabamos en falta na xeración actual que apenas está rematando o instituto. Pezas como Your Brain is Made of Candy ou Otitis, que non chegarán a ser himnos xeracionais, pero que ben merecido o terían, bebendo sempre de referencias da talla de Pj Harvey ou Sunny Day Real State. A canteira tirando a porta e dándonos a labazada merecida aos que perderamos a esperanza. (Crítica)

homepage_large.8512d2357: Sun Kil Moon – Benji: Entre os vellos coñecidos do panorama folk internacional está Mark Kozelek. O home anoxado eternamente coa humanidade e consigo mesmo. Unha desas persoas que seguramente sería mellor non coñecer cara a cara, pero que asina historias estremecedoras e lles dá forma de canción. Un dos mellores contacontos da actualidade, que viste o seu mundo con seis cordas, e fai marabillas como Carissa ou Richard Ramirez Died Today of Natural Causes. Con todo o que leva andado Kozelek, tanto co seu proxecto actual como nos antigos Red House Painters, pode que, con “Benji”, nos atopemos ante a súa obra suprema. (Crítica)

Marissa-Nadler-July-Album-Cover-1024x10246: Marissa Nadler – July: Marissa Nadler levaba xa uns anos facendo discos dunha fermosura abraiante. Porén, non prestaramos atención abondo ata este traballo. Concedámonos un par de minutos para culparnos por iso para, a continuación, gozar dun dos mellores álbumes de folk do ano que remata. Con cancións tan estremecedoras como esa Drive (Fade Into) que dá comezo e que che secuestra a alma dende o momento en que a escoitas por primeira vez, ata a eternidade. Un auténtico namoramento repentino e abrumador, dos que non decaen co paso do tempo. Dos que sabes que son para sempre. (Crítica)

Jóhann5: Jóhann Jóhannsson – McCanick: Falabamos de que a neoclásica viveu un ano fantástico, e un dos responbables é este islandés, peso pesado do xénero. Ano especialmente prolífico o seu, que remata cunha nominación aos Globos de Ouro, curiosamente por outro traballo para o cine que nos gustou menos que esta banda sonora, a de The Theory of Everything. Poucos, case ninguén, acada as cotas de sensibilidade, de fascinante acompañamento, que si acada Jóhann Jóhannsson. Cómpre axeonllarmos ante el, e desexar que siga dando a luz tan fermosas cousas. Dende logo, mentres a prestación acade a de Payphone ou Stairchase, traballo non lle vai faltar.(Crítica)

pablo-und-destruktion-sangrin-20144: Pablo Und Destruktion – Sangrín: O mellor disco estatal do ano ven dende Asturias e viaxa cara o inferno da man de Limónov. Aí, tan preto das fronteiras galegas, temos a un home en estado de gracia, que leva dous discos inmensos e que xoga en ‘Sangrín’ a ser unha especie de Nick Cave de por aquí, amo do spoken word e compositor de letras tan furiosas como Por cada rayo que cae ou Pierde los dientes España. A intensidade que xa dá comezo con El aire puro non deixa un só segundo de descanso. Un traballo maxistral que na actualidade non atopa unha comparación á altura en España. Dos que están destinados a coller o relevo dos grandes nomes da década pasada. (Crítica)

Rivulets-I_Remember_Everything13: Rivulets – I Remember Everything: Se antes comentabamos que non tiñamos demasiado controlada a carreira de Marissa Nadler, o mesmo diriamos de Nathan Amundson, a.k.a. Rivulets. Na Liga de Low, de Jason Molina ou de tantos outros, trala misteriosa portada de ‘I Remember Everything’ escóndense dez cancións dunha solvencia enorme, de poderosa factura. Estamos preparados para achegarnos a temas tan coidados e tan ben producidos como Into the Night, I Was Once a Handsome Man e, sobre tódalas demais, Ride On, Molina, dedicada ao seu bo amigo falecido. Unha das mellores e maiores sorpresas destes doce meses. (Crítica)

sharon-van-etten2: Sharon Van Etten – Are We There: Desgraciadamente, é moi habitual que algo que esperas con moita ansia remate defraudándote en menor ou maior medida. Se me preguntades a min, ‘Are We There’ era un dos discos que máis agardaba en 2014, e iso tiña a súa porción de medo interno á decepción. Lonxe diso, Sharon Van Etten despexa as poucas dúbidas que podían quedar en canto ao seu reinado no folk da actualidade. En mirar á cara, e sen complexo algún, aos mestres do xénero. De contarlle a todos o que aprendeu deles, e o ben que se reflexa en cancións como Tarifa, I Know ou Your Love is Killing Me, a mellor canción deste 2014 cunha superioridade case insultante. (Crítica)

keaton-300x3001: Keaton Henson – Romantic Works: Hai xa un tempo collímoslle bastante agarimo a un rapaz con pinta de enfermo que vivía aló por Londres. Tocaba a guitarra e escribía unhas cancións tan fermosas que mesmo o metimos entre os nosos discos favoritos do ano pasado. Este ano, sen apenas facer ruído, sen case enterarnos, sacou outro disco. E mentres agardabas escoitalo de novo coa sutileza e a emoción de verse case só coa súa guitarra, espíndose ante ti, atopas unha sorpesa enorme. O rapaz barbudo trocara as seis cordas por piano e contrabaixo. O folk pola neoclásica. Un traballo arriscadísimo do que sae vencedor dun xeito tan abrumador que, a día de hoxe, semella case imposible, e mesmo pouco recomendable, que volva ás súas orixes. 2014 pasará á nosa historia particular mentres nas nosas cabezas soan Elevator Song, Healah Dancing ou Earnestly Yours. Unha marabilla eterna. (Crítica)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *