O disco da semana: Brothers and Sisters of the Eternal Son, de Damien Jurado

damien_jurado_brothers_and_sisters_of_the_eternal_son-portada-1Pouca sorpresa cabería agardar nun undécimo disco dun artista. Imaxino que se apodera de ti certa desidia. Isto da música é distinto ao amor, non o vas traballando tanto. Hai moito risco de que aburra pasado o tempo, e sempre andamos na procura de novos estímulos que, a priori, o nome de Damien Jurado e o seu ‘Brothers and Sisters of the Eternal Son’ (Secretly Canadian, 2014) non traerán baixo o brazo. Pero Damien Jurado está vivindo unha segunda xuventude. Nunca renunciou a que o que entregue se afaste anos luz do camiño do vulgar e rutineiro.¿Ou é que a rutina de Damien Jurado é que as cousas lle saen así, por defecto? Coas súas nubes e claros, pero que sempre garante unhas composicións fantásticas. ‘Brothers and Sisters of the Eternal Son’ conta, quizais, con máis arranxos do que adoita ser habitual en Jurado. Un disco con melodías algo máis elaboradas, desas que en directo, en formato acústico, son máis difíciles de plasmar. Con Richard Swift repetindo na produción, ao igual que ocorreu en ‘Maraqopa’ ou ‘Saint Bartlett’.

Entón chegas a esa praia que reflexa a portada. Ou non. Mellor a esa rúa en obras, no medio da cidade na que vives. Habitualmente, unha das túas rúas favoritas, que levantan a miúdo e que desexas que fagan peonil dunha maldita vez (se é Compostela, San Pedro sempre está en obras, sempre vale). Os obreiros están case rematando o traballo, quedaralle unha semana, como moito. Tralos estragos nas beirarrúas, o cemento xa está botado. Perdeu o brillo, o seu ton é mate, e presumes que xa está en condicións de ser pisado, pero xérache dúbidas, despértache certa ansiedade. Non hai outro lugar polo que pasar, detrás de ti nada existe, pero non queres manchar os teus zapatos novos, tan caros. Pisas, está firme. Tranquilízaste. Iso é ‘Brothers and Sisters of the Eternal Son’. Un terreo no que sabes que estás pisando sobre seguro. Iso é o que transmiten os delicados primeiros acordes de Magic Number, mesmo cando se endurecen, se volven máis rudos e certa intranquilidade se apodera de ti. É Damien Jurado o que canta. Estás a salvo.

A salvo nun mundo que escolle Silver Timothy, cos seus sons algo así como tropicais, como primeiro single de ‘Brothers and Sisters of the Eternal Son’. Decisión non sei se incorrecta, pero seguramente non sexa a canción do disco que máis me gustou. En todo caso a que cadra máis coa idea que podemos ter dun single. Máis inspiración atopo, porén, nas melodías de Return to Maraqopa, máis a queimarroupa, menos dóciles. Entra nun terreo algo complicado tras atravesar Metallic Cloud, ese no que a compracencia pode apoderarse do disco, sendo este un exercicio de aquilo que chamábamos amor rutineiro. Pero entón xurde Jericho Road, e sálvao todo por si mesma. Atopas o desexo, a chispa, ese click que tantos buscan e a miúdo ninguén atopa. O amor a primeira vista, a aceleración do pulso, a erección da alma. Damien Jurado esgazándose a voz e a esencia. Os coros tinguíndoo, agora si, todo de nubes metálicas, de negras predicións de tormenta.

Ao contrario do que pasa a miúdo, as naves de ‘Brothers and Sisters of the Eternal Son’ quéimanse a medio disco. Un traballo que te estaba agradando, namórate a golpe de quinto e sexto tema, cunha Silver Donna que redunda nese ritmo pseudobailable (é un dicir), pero mellora bastante a ‘Silver Timothy’. Entón o rapaz xa consigueu o que quería. Gañarnos de novo para a causa, que marabillas como ‘Silver Katherine’, desas que pare case por inercia, nos encollan o estómago e nos fagan formularnos iso de se os novos amores melloran realmente nalgo aos de vello. Damien Jurado dando final ao disco movéndose polos seus lugares máis comúns, pero tinguíndoo todo dun agradábel ton optimista e trivial en Suns in Our Mind, amosando que nun pop máis convencional, móvese con factura igual de solvente. E marcha. Remata un disco que te deixa gañas de máis. De que vaia máis aló deses 34 minutos que te deixan con algo de fame. Quedará suspirar porque Damien Jurado o día 7 de marzo, no que estará tocando en Vigo, non tarde en chegar.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *