Febreiro é frío e chuvioso pero xa se nota que os días son máis longos e dá menos preguiza ir a concertos porque queremos ir saíndo da casa. Queridos programadores de salas fóra do eixe atlántico: enviádenos cousas, este artigo está moi coxo e non é algo voluntario.
Ángel Stanich
Día 1 no Teatro Principal da Estrada; día 2 na MasterClub de Vigo.
Continúa «presentando» Antigua y Barbuda. Presentando entre comiñas porque o disco é de 2017.
Sondeseu
Día 2, no Auditorio do Mar de Vigo
A orquestra folk de Galicia actuará con xente como Rosa Cedrón, a castelá Vanesa Muela ou o portugués Luis Peixoto (entre outros) como convidados especiais. A entrada é gratuíta.
Nacho Vegas
Día 2 no Auditorio de Galicia, en Santiago
Aínda non viches a Nacho Vegas con Violética? Unha oportunidade máis.
Micah P. Hinson
Día 2 na Sala Leclub da Coruña
Tocou onte en Vigo e estará mañá na Coruña. Vén para presentar o seu último disco, When I Shoot At You With Arrows, I Will Shoot To Destroy You. Antes tocará Santi Araújo, presentando o seu EP que nos encanta Catedral.
Donny Benet
Día 4 na Sala Radar de Vigo
De Donny Benet namoramos en San Simón este verán e é o que os nosos corpos cheos de chuvia necesitan. Pensarás que estás en Italia nos anos 70 e que fai sol e calor.
Birds Are Indie
Día 7 na Sala Radar de Vigo, o 8 en El Pequeño de Pontevedra, e o 9 no Torgal, en Ourense
Birds Are Indie son portugueses e adorables. Sairás do concerto cun sorriso na cara, disquegarantía. Presentan o seu disco Local Affairs.
Yo La Tengo
Día 8 na Capitol, en Santiago
Non hai que ir no cruceiro de Belle and Sebastian (por que tan caro? por que?) para velos. Presentan There’s a Riot Going On, do ano pasado.
Albert Pla
Día 16 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
Supoñemos que non irá acompañado de Alfred. Presenta Miedo, o seu novo espectáculo, teatro musical ou concerto teatralizado sobre a experiencia humana. Ou algo así.
Echo and The Bunnymen
Día 16 na Sala Pelícano
Eles veñen presentando novo disco, pero non vos preocupedes, é un disco no que reinterpretan cancións súas do pasado. Podedes seguir indo pola nostalxia.
Tachenko
Día 21 no Teatro Colón da Coruña
Están de xira de presentación de El don del vuelo sin el arte hermano del aterrizaje, o seu último disco.
Ouzo Bazooka
Día 22 na Sala Radar de Vigo
Chegan desde Eurovisión Tel-Aviv co seu rock psicodélico que xa os converteu en teloneiros de bandas como os Pixies, que como cousa que poñer no currículo non está nada mal.