As panxoliñas son malas para o teu cerebro

Quedan poucos días para que Vigo prenda as súas luces de Nadal (que son as luces de Nadal que ningún lugar de Galicia logrará superar en cantidade e lucerío) e máis ou menos igual de poucos para que outras localidades galegas fagan o propio. Para que os supermercados, centros comerciais e tendas variadas poñan a súa decoración e os seus produtos do Nadal non queda en realidade xa nada. O turrón leva nas estanterías dende que aínda calzabamos sandalias.

E en canto as luces, os turróns, as bolas brillantes e o espumillón fan acto de presencia, chegan tamén as panxoliñas. Hai moitas versións, moitas opcións e moitos espazos nos que nos perseguirán, dende as versións crooner dignas da música ambiental dunhas oficinas nas que todos levan traxe ata as máis entusiastas e pandereteiras dos sistemas de megafonía. As panxoliñas estarán por todas partes.

Se es das persoas que tras dous días seguidos de asalto musical do Nadal xa non pode máis, non che sorprenderá a conclusión que a neurociencia aportou sobre a relación que se establece entre o noso cerebro e as panxoliñas. Segundo as investigacións, as panxoliñas son tóxicas (máis ou menos). Non resultan nada boas para o cerebro humano.

Por que acontece isto? En realidade a culpa non é tanto da música como do uso que durante estes meses se está facendo dela. O exceso de música de Nadal acaba saturando o cerebro, que acaba desbordado polo impacto das cancións e que acaba por empezar a xerar pensamentos negativos.

Como lembran en Inc, se nun primeiro momento as panxoliñas fan simplemente que nos sintamos nostálxicos logo dunha exposición continuada crean aburrimento, molestias e incluso angustia. No momento no que o noso cerebro está desbordado pola súa culpa, as panxoliñas comezan a ser como un disparador para o estrés e a ansiedade. Se os demais elementos do Nadal están a causar preocupación (como poder ser por exemplo o estrés polo traballo ou a presión das visitas familiares), as panxoliñas serán unha especie de punto de non retorno que nos fará sentir peor.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *