O disco da semana: Rave Tapes, de Mogwai

Rave_tapes_coverÉ case un clásico. Vaia, non, é un clásico con tódalas letras. Mogwai sacan disco. E se Mogwai sacan disco, case por definición, son disco da semana. Os escoceses, con ‘Rave Tapes’ (Rock Action, 2014), cumpren o que xa é oitavo disco de estudo dende que debutaran con ‘Young Team’, hai xa tres lustros (se pasamos por alto aquel fantástico recompilatorio de singles que fora ‘Ten Rapid’). O conto é que están de volta, e iso é unha boa nova, sempre. Mesmo cando xa hai tempo que as cotas máis altas semellan acadadas, mesmo cando temos case a seguridade de que ‘Rave Tapes’ non será o seu mellor disco. Unha seguridade pesimista dentro da lenda dun grupo que segue a ser pai, fillo e espírito santo do post-rock.

Pero non atopamos discusión interna. É ‘Rave Tapes’ o mellor disco de Mogwai? Nin de broma. É ‘Rave Tapes’ un gran disco? A dúbida ofende. Cando un comeza a escoitar Heard About You Last Night, o tema que dá comezo ao disco, ten a certeza de que nada pode ir mal nos cincuenta minutos seguintes. Que o grao de inspiración pode ser sobresaínte ou unicamente notable, pero que sempre se coqueteará coa excelencia. Mesmo cando un sempre bote de menos aos Mogwai dos directos ao escoitar as súas producións en estudo, ou cando Simon Ferocius ergue unhas dúbidas que moi axiña Remurdered se encarga de diseminar, de disolver sen que quede rastro que faga pensar que un día estiveron alí.

Se cadra botabas algo en falla, algo menos de ambient e algo máis de intensidade. Non sufras, non deixes que a ansiedade se apodere de ti, aquí están Hexon Bogon e os seus dous minutos e medio para xirar a roda dos decibelios ata que o tope nos impida continuar. Mentres, a calma recupérase da man de Replenish, con esa voz sampleada (ou non), que lembra tanto aos seus xa defuntos discípulos, Migala, converténdose nunha das pezas máis fermosas de ‘Rave Tapes’, fuxindo case sen facer o ruído que, esta vez si, volve afrontar Master Card. No seu tramo medio, o disco asume unha ciclotímica ondulación de intensidades, terreos nos que Mogwai se moven case de xeito inconsciente, pero facturando sempre de xeito contundente e sostible.

Deesh recupera, seguramente, os Mogwai máis clásicos, renunciando a uns teclados ata entón bastante imperantes en ‘Rave Tapes’, moito máis que nos pasados discos dos de Glasgow, e xa non saímos do camiño da clasicidade durante esa segunda parte, entre a intensidade escura de No Medicine for Regret ou o paso dos Mogwai aos novos tempos, de The Lord is Out of Control. Sélase un novo gran disco de Mogwai, un traballo no que irremediablemente estamos a perder capacidade de sorpresa, mesmo de tomarnos o violento do seu son como algo agardado, e algo falto de impacto, por esa puñetera lacra que supón que o excepcional se faga rutina. Se conseguides abstraervos do inimigo, da monotonía, ‘Rave Tapes’ é o voso disco. Se preferides buscar no pasado, perderá en varias batallas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *