Thee Silver Mt. Zion Memorial Orchestra son unha banda de Quebec que quizais non vos soe de moito, a pesar de que o que hoxe nos ocupa ven sendo xa o seu sétimo disco de estudo. Os primeiros temas que se filtraron deste ‘Fuck Off Get Free We Pour Light On’ non remataron de tranquilizar a uns fans que levaban xa ben de tempo agardando por este traballo. Concretamente, Take Away These Early Grave Blues, o único single que os canadenses presentaron de xeito oficial, ergueu algunhas dúbidas. Entón, acariciándonos a barba, diremos que está algo lonxe daquel magnífico debut, a comezos de milenio, e que semella que xa non son o que eran.
Anda e que vos dean. O que non se maree un pouco mentres comeza ese caos absoluto chamado Fuck Off Get Free (For the Island of Montreal), pois que o faga mirar, ou que non veña á miña festa. Esta é a miña casa e non entra ninguén que non flipe con tanta decadencia, con tanto abandono á corrente, con esa cravada de remo para virar o ritmo a golpe de 06:48. Ese anárquico desorde, no que un non sabe cara onde vai, nin puñeteras gañas de querer sabelo, só o desexo de que eses enxordecedores agudos reinen no desconcerto e te leven con eles.
Claro que un inicio tan fantástico non garante que o conxunto do disco o sexa tanto. E en realidade non o é. Resumindo alegremente: ‘Fuck Off Get Free We Pour Light On’ ten seis temas. Tres longos, tres curtos. Os longos molan moito, os curtos xa menos. Claro que se sumamos o aporte deses tres temas extensos, como o segundo Austerity Blues, a balanza está desequilibrada de narices. E non é que empece de forma especialmente afortunada, tirando de acústica e con certo desleixo, pero o rumbo enderézase de inmediato. Todo volve á súa orde de confusión e vórtice, de enredo sen visos de ser aclarado. De terrores nocturnos e palpitacións angustiosas. Entre a lama Thee Silver Mt. Zion Memorial Orchestra móvense moito mellor que entre terreos máis presumiblemente habitables, como os de Little Ones Run, que dura moi pouquiño, e ben que fai en non durar máis.
E entón xogaremos ás comparacións, e, Efrim Menuck mediante, Godspeed! You Black Emperor sairá sempre á palestra, cando, sen ir máis lonxe, Take Away These Early Grave Blues ten tanto de ‘Allelujah! Don’t Bend! Ascend!’, como de ‘The Seer‘. Aínda que ese canto desesperado, berro afogado en lapas, What We Loved Was Not Enough manda á merda a cualquera comparación, inspiración o regurxitación posible. Un final, seguramente, demasiado dócil con Rains Thru the Roof at Thee Grande Ballroom (For Capital Steez), que tenta navegar entre unha introspección que acaba en naufraxio. Un mal sabor de boca final que non oculta que unha porcentaxe enorme de Fuck Off Get Free We Pour Light On resulta estupenda. Insoportablemente, irritantemente estupenda. Mortificante.