O disco da semana: I Remember Everything, de Rivulets

a3254429592_10-1O escenario é similar a tantas outras veces. Un lugar escuro, preferentemente un bar, no que un está tan a gusto na súa miseria, xogando a afogar unhas mágoas que en realidade non existen nunha copa con moito xeo, que apenas ten o tempo suficiente para augarse antes de que lle procures un final indigno. Ao fondo unha cara mírate fixamente. Para ser precisos, intúes que te mira, porque o pelo lle tapa un ollo e o fume dun cigarro, o outro. Queres ver o que hai detrás desa carta de presentación, o que hai detrás de ‘I Remember Everything’ (Jellyfant Records, 2014), o quinto disco de Rivulets. Nathan Amundson é un todoterreo de Denver, que contou con xente como Alan Sparhawk, Mimi Parker ou Jessica Bailiff dentro do seu proxecto. E o certo é que Rivulets acaba de gañar un fan, o que vos escribe. Como eses actores que aspiran a un premio revelación cando levan vinte anos facendo películas.

Rivulets pregúntanos en bucle se estamos preparados, dende o primeiro momento, dende os primeiros versos de Reinforced: Delicate, onde só con guitarra, algo de distorsión e a voz de Amundson é suficiente para dar leccións de slowcore de balde. O primeiro dos pasos cara a gloria, con Into the Night amosando unha cara rock dende a calma. Dende a nulidade de alardes, aproveitando que o disco se degustará a modo, porque non corre o risco de augarse. Non necesitamos máis ruído do preciso, e o que hai en ‘ Remember Everything’ é un ruído maxestoso.

Tras unha máis lixeira My Favorite Drug is Sleep, chega o primeiro momento que axuda a ‘I Remember Everything’ a dar ese paso que separa o interese da admiración. Summer Rain esíxeche sentar e gozar do disco, consegue captar a suficiente atención como para que caias na conta de que non se trata dun álbum de acompañamento máis, senón dun disco enorme. Ata nos momentos espidos, nos que case saben a canción de berce, como Is All You’ve Got, unha peza dun par de minutos que máis que a canción soa a agasallo.

Pero o mellor está por chegar. Esa homenaxe a Jason Molina, amigo de Nathan Amundson, ao que se adica Ride On, Molina, o mellor tema de ‘I Remember Everything’. Ben, lembra moito ao Knockin’ on Heaven’s Door, certo, pero nin con esas comos quen de non rendernos á maxia, ao crecemento, á gloria eterna de Rivulets e Songs: Ohia camiñando da man. Aínda que é inevitable certo baixón de calidade a partir de aí, o disco consegue manter unha calidade inmensa, agarrarse ben á notabilidade, á nostalxia de I Was Once a Handsome Man ou á enérxica carga emocional de Your Own Place to Ruin. Un dos discos máis sobresalientes do ano.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *