Nikki Hill non é un one hit wonder

nikkiQuen dixo que só se podía saír dos xoves en adiante? O pasado mércores unha abarrotada Sala Capitol (corría o rumor de que se esgotaran todas as entradas) confirmaban que en Santiago se sabemos algo é saír calquera día da semana e bailar ao ritmo da mellor música. Desta volta foi Nikki Hill a encargada de transportarnos a un estado de ánimo que leva por nome Rock And Roll. O concerto, sendo sinceros, soubo a pouco. A pouco porque unha hora e algo non é suficiente para poder gozar da voz dunha muller que non ten nada que envexar ás máis grandes.

A última vez que estivo por Galicia foi no fatídico venres 18 da edición de PortAmérica deste ano, día no que a organización tivo que suspender todos os concertos por culpa da tormenta eléctrica. Quizais por iso, a de onte no escenario era unha Nikki Hill con ganas de vinganza e de dalo todo sobre o escenario ata o último alento: por suposto, conseguiuno. Os pés de todos os que estabamos na sala bailaban sen dubidalo con cancións como I Know (You Don’t Love Me No More) ou Her Destination. O rock non é cousa de homes e Nikki sábeo moi ben. Desde o primeiro momento en que subiu ao escenario namorounos a todos coa súa marabillosa voz: unha mestura dos ritmos máis rockeiros cunha inevitable influencia da música gospel da que ela provén.

Porén, un servidor non pode deixar sen nomear á tremenda banda que a acompaña. Simple e sen artificios, guitarra, baixo e batería, o acompañamento que fan á xenial voz de Nikki Hill é para quitarse o sombreiro. É innegable que a voz dálle o punto diferente ao conxunto, pero non se pode deixar xamais de lado a base sobre a que se constrúe unha actuación de matrícula de honra como a que houbo o pasado mércores. Mención especial para Matt Hill que non só ten a ardua labor de facer os coros de Nikki Hill, senón que contra o final do concerto atreveuse cun incrible solo de guitarra… coa mesma detrás das costas. A reacción non puido ser outra que vítores e aplausos para semellante artificio.

“Se aínda non oíches Nikki Hill, pronto o farás, e cando a vexas, non a vas esquecer”, reza a súa páxina web e podo acreditar que é unha verdade coma un templo. Non pode ser un hit do momento, ou unha moda. Nikki Hill veu para quedarse. Ten que quedarse! Só queda preguntarse cando volveremos ter a ocasión de gozar do mellor rock en forma de muller e desexar que sexa un concerto un pouco máis largo… aínda que seguramente tamén saiba a pouco. Mentres tanto, e para pasar o mono, podedes escoitar o seu último CD de balde na súa web.

Foto | Jesús Ferrer

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *