Edén: Daft Punk e moito máis

Eden

Paul Vallée é un aspirante a DJ no París dos anos 90, ano no que a música electrónica atoparía en Francia unha das súas grandes renovacións: o ‘French Touch’. Xunto a el, nomes coma os de Thomas Bangalter ou Guy-Manuel Homem-Cristo comezan a soar nunha sociedade que se inicia na vertente francesa da música house e nas raves. Inspirada no vagamente na vida do irmán da directora, a película narra as décadas dos 90 e 2000 de forma borrosa, sen prestar excesiva atención aos feitos históricos que marcaron ese anos e focalizando toda a atención na evolución dos artistas e, sobre todo, da música. A estrutura en dous capítulos do filme separan a popularización co declive dun xénero que, se ben segue a ser popular, non reúne tantos adeptos como no pasado. Nun momento do filme alguén di: “Sabes que escoita miña sobriña agora? Beyoncé!”; esa é a xeración actual, e non hai nada que facer ao respecto.

A película céntrase, ademais, na figura de Paul e na súa desorganizada vida como DJ. O seu dúo Cheers, xunto co seu amigo Stan, consegue dar grandes festas onde os asistentes son convidados. A conta bancaria comeza a diminuír a medida que o seu éxito comeza a medrar ao igual que o seu consumo de drogas. A película non é só un relato da evolución do ‘French Touch’ é tamén unha reflexión sobre a madurez e sobre a imposibilidade “eterna xuventude”. Coma un Peter Pan metido a DJ, Paul obvia o cambio social que implica a nova década e insiste estancarse nos 90: a nivel persoal e musical. Ao seu arredor todo cambia: a xente, a música. O título do filme, Edén, convértese nunha referencia Huxleyana a un paraíso artificial consumido a través de drogas sintéticas, cocaína e demais, que evaden da realidade e onde a música pasa de ser natural, analóxica, creada a través do contacto co instrumento, para ser resultado dun proceso electrónico.

Bótase en falta, quizais, algo máis do panorama musical do momento. O ‘French Touch’ deu moitos froitos alén de Daft Punk, referentes innegables do xénero. SebastiAn, Mr. Oizo, Kavinsky ou Justice desaparecen ante a omnipresencia do dúo robótico. A falta de máis personaxes reais na ficción alén do dúo robótico fan difícil situar, en ocasións, a historia nun contexto histórico. É Quentin, o amigo de Stan e Paul, Quentin Dupieux o músico agochado tralo seudónimo de Mr. Oizo? É o Pedro ao que se refiren varias veces Pedro Winter fundador de Ed Banger Records? Estas, e outras, son preguntas que o espectador terá que respostar na súa mente con conxecturas.

Coqueteando coa popular moda de usar texto sobre a imaxe, en moitas ocasións de forma moi acertada, a película tropeza, en ocasións, cun intento de modernizarse excesivo. É o caso das secuencias nas que unha carta ou unha mensaxe fai que a voz en off se converta nunha personaxe difuminada sobre a escena mirando a cámara. Un recurso que semella propio de telenovelas ou filmes de tempos pasados aquí xorde como un estilismo fracasado. Polo resto, o filme acerta enormemente en obviar a evolución da sociedade e as efemérides de cada ano, deixando así que a música se converta no fío condutor que une os diferentes episodios de Paul. Ao fin e ao cabo, cando soa unha boa canción, non prestamos atención ao resto do mundo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *