5 series e películas para sobrevivir á morte de Downton Abbey

downton

Entre as cousas que remataron coa fin de 2015 está Downton Abbey, a serie de época que puxo de moda tantas cousas (dende mordomos a marcas de lencería) e que foi o guilty pleasure desta redacción ano tras ano. Non imos contara nada de como acabou (aínda que aquí hai quen pensa que deberían ter traballado un pouco máis o peche dalgunhas historias, aínda que tamén temos a opinión de que ben rematou para ser Downton) pero si confesar que agora sufrimos un baleiro. Que imos ver na nosa cota de series de época agora que Downton pasou a mellor vida? Mentres pensamos en facer unha campaña en Change para que fagan un spinoff (ou a película!), buscamos alternativas coas que encher as nosas horas de visionado de series. (E, veña, si, aceptamos que calquera serie de época da BBC podería ir no listado)

Arriba e Abaixo

É a serie orixinal sobre señores da alta sociedade e quen traballan para eles. Os protagonistas son, por un lado, a familia Bellamy, un político e a súa esposa aristócrata, e, por outro lado, o núcleo ‘duro’ dos traballadores, o mordomo, a cociñeira e a primeira doncela. A serie é dos 70 e cubre o mesmo arco temporal que Downton Abbey (a fin da Belle Époque, a I Guerra Mundial e os anos 20). Na TVG botárona hai uns anos nas mañás, así que hai unha versión dobrada ao galego (pero non fun quen de atopala, nin en YouTube). A BBC fixo un remake hai uns anos, no boom de Downton Abbey, ambientado nos finais dos anos 30 e cunha personaxe de nexo de unión (Rose, a primeira doncela), pero non tivo moito éxito e só hai dúas tempadas.

The Village

Da BBC e a resposta ante o mundo ‘pijo’ de Downton. Aquí os protagonistas son a xente corrente. A serie sigue a vida dunha familia de campesiños na Inglaterra da mesma época que Downton. É menos conto de fadas que Downton (no primeiro capítulo vemos o roubo dunha menciña para vacas dun pai desesperado por salvar á súa filla enferma) pero tampouco vos pensedes que vai atrapar menos.

Gosford Park (ou Muerte a la medianoche no mundo de Netflix)

Ou Downton antes de Downton. O responsable do guión é Julian Fellowes, o responsable de Downton, e no casting podedes atopar moitas caras coñecidas da serie. Ricos e aburridos van pasar uns días a unha casa no campo e, por suposto, alguén é asasinado.

Poldark

Foi un pouco a sorpresa da tempada pasada. É un remake dunha serie dos 70 que á súa vez era unha adaptación dunha serie de novelas. Poldark volve da guerra en América (estamos no XVIII) ao seu Cornualles natal para descubrir que todos pensaban que estaba morto, que a súa casa familiar está en ruínas e que a muller que amaba vai casar con outro (¡¡o seu curmán!!). Ten drama, ten época, ten relacións complexas entre diferentes clases sociais e ten moda do XVIII (que a pobre estaba sendo a irmá esquecida na tele nos últimos anos).

Miss Fisher’s Murder Mysteries

Levaba querendo ver esta serie dende que lin un artigo estadounidense no que dicían que gastaran máis ou menos o equivalente ao PIB de Australia en vestiario. Está en Netflix, así que agora tamén chegou ata nós. É a clásica serie de misterios (aínda que australiana, que é sorprendente), ambientada nos anos 30 en Melbourne e protagonizada pola filla dun par británico con bastantes cartos. E si, podedes vela polo vestiario: hai infinitos cambios de vestiario que hai, todos ademais moi correctos dende o punto de vista histórico.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *